Mosquera pide á Deputación que despois do “parón” no proxecto de Santa Clara teña “espírito de colaboración” para reformar a parte norte da Praza de Barcelos
Pontevedra, 29 de decembro de 2023. O portavoz provincial do BNG na Deputación César Mosquera pediu hoxe ao Goberno provincial que unha vez pase o parón actual no proxecto de Santa Clara se retome o espírito de colaboración co Concello de Pontevedra para levar adiante a segunda fase da reforma na Praza de Barcelos. O nacionalista destaca que ata o de agora non se ten abordado esa área de actuación porque o deseño dependerá do que se vaia facer co espazo das clarisas para integralo na trama urbana.
Mosquera fixo esta petición no Pleno provincial, no punto que permite a prórroga do convenio coa Deputación para executar as obras na praza de Barcelos. Destacou que a ampliación do prazo é necesaria, entre outras cousas, porque no momento de iniciar a actuación houbo dous edificios que arranxaron as súas fachadas e coas estadas non foi posible instalar as tubaxes subterráneas. “A obra non ía mal de ritmo, podería terse acabado de non ser por iso”, subliñou, lembrando que o proxecto está dividido en dúas fases, tendo pendente tamén a máis próxima a Santa Clara.
O nacionalista lembrou que ata o momento as administracións provincial e municipal colaboraron sempre de maneira positiva, xa que incluso, no seu momento, a Deputación cedeu ao Concello parte da rúa Serra, correspondente co Edificio Castelao do Museo, para incorporala ao espazo público.
Neste sentido, destacou a súa esperanza en que, no momento no que a futuro se desbloquee o proxecto para Santa Clara toda a información se traslade ao Goberno local para que poida deseñar o proxecto de reforma da Praza de Barcelos de maneira coordinada. “Esa parte da praza está condicionada por como se resolve a entrada a Santa Clara. Non tería sentido facela se despois hai que levantala, rompela e refacela. Agardo que despois deste parón na actuación, cando se retome, haxa este mesmo nivel de colaboración”, insistiu.
O BNG dálle o visto bo ao Plan + Provincia por manter criterios obxectivos e autonomía municipal pero lembra ao PP que só sube a contía do Plan Concellos porque fusiona partidas doutras áreas
En relación ao Plan + Provincia, o grupo do BNG na Deputación deu o seu voto favorable no Pleno por considerar que as bases e o reparto se fan en función de criterios obxectivos e se manteñen fondos elevados para os concellos, garantindo a autonomía municipal.
O portavoz nacionalista, en calquera caso, matizou o triunfalismo do Partido Popular e as súas “cifras históricas” e subliñou que o importe do novo plan ‘popular’ con respecto ao Plan Concellos unicamente sube porque inclúe achegas doutras partidas doutras áreas, fusionando liñas nun plan único, como acontece coa liña 4, que se corresponde coas subvencións Ágora de recuperación do espazo público de 2023 e que foron anuladas no orzamento de 2024.
“En porcentaxe sobre o orzamento total o -Plan Concellos- era probablemente máis que agora”, destacou Mosquera, quen subliñou que nos anos anteriores se destinaron todos os cartos posibles para o reparto entre os municipios. “Vostedes agora van ter moitos cartos. A Deputación quedou moi ben economicamente. Sorte para a Deputación, sorte para os servizos que presta e sorte para vostedes que están gobernando e teñen esa posibilidade. Pídolles sentidiño para facelo dunha maneira obxectiva”, insistiu.
O voceiro do BNG, en calquera caso, afeou ao PP que non tivera consultado o cambio de criterios coa oposición. “Non sobraba”, dixo, para salientar que tampouco é positivo que as porcentaxes dos criterios se tiveran calculado facendo simulacións para ver “a quen beneficia máis ou menos”. “É unha práctica que aínda non está erradicada”, lamentouse.