Mosquera cualifica de “despendole bíblico” a situación de Santa Clara e os edificios centrais do Museo

César Mosquera
César Mosquera
Mosquera cualifica de “despendole bíblico” a situación de Santa Clara e os edificios centrais do Museo

O voceiro do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosquera, cualificou no Pleno de “despendole bíblico” a situación de Santa Clara e os edificios centrais do Museo. O nacionalista advertiu de que o goberno provincial aínda non solicitou ao Concello licencia para a escavación arqueolóxica no convento nin avanzou sobre os inmobles do casco vello a pesar de ter o visto bo de Patrimonio. Mosquera puxo en dúbida o interese do PP por sacar adiante ambos proxectos: “Din que están niso, co Museo e Santa Clara. (...)  Din que van facer as obras con premura, con urxencia, pero a realidade desdí todo nese sentido”. 

O portavoz nacionalista afeou ao presidente Luís López ter dito publicamente que a Deputación está a agardar pola autorización de Patrimonio para avanzar cos edificios centrais do Museo na Praza da Leña cando esa autorización, na realidade, xa chegou á administración provincial a mediados deste mes. 

Mosquera tamén puntualizou que, fronte ás afirmacións do presidente de que a Deputación comezará a traballar en Santa Clara tan pronto como o autorice o Concello, o organismo provincial aínda non solicitou licencia para as escavacións arqueolóxicas necesarias no convento. Subliñou que a licenza podían tela pedido xa dende o mes de xullo, antes incluso de adxudicar o contrato o pasado 5 de outubro. A realidade, dixo o ex vicepresidente, é que “hai 20 minutos non estaba pedida licencia no Concello (...), aínda non a pediron hoxe”, dixo.

Ante estas incoherencias de López, Mosquera subliñou que “o despendole -na Deputación- debe ser bíblico porque nin tan sequera o presidente sabe o que está a pasar, ou non llo comunican (...), fáltalle información relevante”, dixo. Lembrou que nestes momentos, por extensión, está paralizado todo o relacionado con Santa Clara: destacou que había compromiso do Concello para facer un proxecto de entrada por Barcelos unindo os terreos do convento coa praza, pero non se pode avanzar, e que non se sabe tampouco se vai haber entrada pola rúa Santa Clara ás instalacións reformadas través da finca do Arcebispado a pesares de que xa pasaron dous anos e medio da entrada do PP no goberno provincial 

“Pareceulle mal cando dixen ao presidente que botara man disto porque ía ser un desastre, e isto está pasando. Está ‘columpiándose’ vostede dicindo cousas que igual non sabía. Francamente non sei que está a pasar”, advertiu Mosquera, quen  sinalou que “vender uns orzamentos de 2026 con estes flancos tan abertos non é para sacar peito, senón máis ben para avergonzarse”.

En canto ás contas para 2026 que se aprobaron definitivamente, o portavoz do BNG tamén criticou ao PP por “laminar” o Plan Revitaliza, que tería servido para cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados pola Unión Europea. “Este ano 2025, dentro duns días, remata o prazo e haberá que dar contas. Dar contas significa non cumprir ca directiva marco  e xa está aberto o expediente. (...). Agora quen veña detrás que arree, porque as sancións chegarán se cadra dentro de 3,4 ou 5 anos, pero van chegar. O Revitaliza era un gran traballo que podían aproveitar para os Concellos. Pero ‘se lo cargaron’”, advertiu.

Mosquera sinalou que o goberno provincial do PP deixou pasar unha oportunidade importante de potenciar a axuda aos concellos na área dos residuos e destacou que “ se cadra” nuns anos será máis difícil botar man da situación porque o Estado vai ter que dedicar máis fondos a contratos en Defensa “e igual a Deputación vai ter recortes”. “As alegrías que se tomaron con respecto a certos proxectos igual foi temeraria”, finalizou. 

Mosquera cualifica de “despendole bíblico” a situación de Santa Clara e os edificios centrais do Museo