Manuel Fariña asegura que 2026 quedará na historia de Caldas como o ano no que a Carballeira e o Xardín Botánico van recuperar o seu esplendor

Manuel Fariña
Manuel Fariña
Manuel Fariña asegura que 2026 quedará na historia de Caldas como o ano no que a Carballeira e o Xardín Botánico van recuperar o seu esplendor

Caldas, 2 de xaneiro de 2026. “2026 quedará na historia de Caldas como o ano no que a Carballeira e o Xardín Botánico van recuperar o seu esplendor”. Así o manifestou o tenente de alcalde de Caldas Manuel Fariña ao facer inventario de obxectivos prioritarios dentro das súas áreas para o ano que empeza. No balance de 2025, o nacionalista destacou o “gran traballo” feito na áreas de responsabilidade nacionalista (Deportes, Medio Ambiente, Cultura e Festas) e destacou que a humanización do Campo da Torre farase seguindo o ‘modelo BNG’ grazas á presión exercida polo Bloque no acordo de goberno, na súa coñecida aposta pola calidade urbana. 

Fariña destaca que 2026 preséntase como un exercicio estratéxico para o futuro de Caldas fundamentalmente pola importancia do proxecto de reforma e mellora da Carballeira, que suporá un antes e un despois para o BIC en materia de calidade e de potencial aproveitamento para o turismo. O tenente de alcalde subliña que a redacción do proxecto turístico e de musealización, que inclúe a apertura dun moderno centro de visitantes con ‘videomapping’ e experiencias inmersivas, está en marcha “e a todo ritmo”. Tamén están a avanzar sen pausa os traballos de rehabilitación dos espazos verdes, que se prevén rematar antes do verán. 

“A reforma da Carballeira é un deses proxectos fundamentais e decisivos que fan historia. A veciñanza de Caldas vai estar orgullosa do resultado”, subliña Fariña, lembrando que a área que dirixe, responsable deste proxecto, está a xestionar unha subvención de 1,4 millóns de euros. Recalca que a actuación do goberno local en materia de medio ambiente ten incluso recoñecido o seu labor con varios premios, reiterados nos últimos anos, cos galardóns de Vilas en Flor.

En materia deportiva, Fariña destaca que 2025 brillou pola mellora de equipamentos moi utilizados e demandados pola veciñanza. Subliña que se redactou o proxecto de mellora do pavillón, cuxas obras están en marcha, e que inclúen a modernización dos vestiarios e unha nova sala polivalente. Ademais, apuntou, mellorouse a eficiencia enerxética das instalacións grazas ás placas solares que se puxeron no tellado. 

O nacionalista tamén destaca a mellora da iluminación e da cuberta no campo de fútbol das Corticeiras. Grazas á actuación hai máis intensidade lumínica repartida de maneira uniforme no terreo de xogo e as persoas asistentes de público están resgardadas da chuvia grazas a que se instalaron planchas na parte traseira e na cuberta. Prevense facer, anuncia Fariña, novas melloras ao longo deste 2026 co obxectivo de que o campo estea renovado de maneira practicamente integral. Por outra parte, Fariña lembra que cumpriu a promesa de instalar unha nova pista multideporte na Tafona, un lugar no que había moita demanda de espazos para a práctica deportiva.

No referido a actividades, Fariña subiñou as xestións feitas para consolidar Caldas como escenario de probas deportivas de carácter galego e estatal de modalidades clásicas e outras novas con “moito tirón”. Subliñou a grande cantidade de persoas participantes en citas de orientacións, raid, trail, taekwondo, fútbol ou ciclismo, tanto de base como en categorías absolutas. 

Lembrou que o bo facer municipal e a aposta polo deporte farán que en 2026 Caldas acolla o Campionato de España de Trail Running con apenas tres exercicios de experiencia organizando o Trail Laxe dos Bolos. “Demostramos que o noso concello é ‘top’ para as probas de montaña. Somos un escenario incomparable pola nosa contorna e a iso súmaselle a nosa proactividade por atraer competicións coas facilidades que damos”, salienta.

No ámbito da cultura e das festas, Fariña destacou que a axenda caldense está máis activa ca nunca, con iniciativas para todas as idades nunha programación cultural consolidada e de calidade. Fixo fincapé en que as celebracións como a Festas da Primavera, as de Verán, o San Xoán, o Entroido, o Nadal, os magostos e todas cantas iniciativas se levaron adiante contaron con participación récord da veciñanza grazas á diversidade de propostas que “chegaron á veciñanza e fixeron que Caldas volva ser unha referencia na comarca”.

En relación ao Turismo, o responsable da área tamén sinalou o “total acerto” da instalación das novas e modernas oficinas de atención a visitantes no centro da vila ao paso do Camiño de Santiago, o que fixo “que se multiplicaran as consultas e que a experiencia da visita para a xente que vén a Caldas leve unha imaxe moito mellor e máis profesional que antes”. Fixo fincapé, así mesmo, en que, ao atraer probas deportivas, “sementouse nas persoas participantes as ganas de volver visitarnos para completar o coñecemento e goce da nosa vila, que ten moito que ofrecer”.

Por último, Fariña quixo destacar que, a pesares de non ter competencia en materia de urbanismo, a participación do BNG no goberno foi fundamental para impulsar a realización da reforma da praza do Campo da Torre seguindo o ‘modelo BNG’ de calidade urbana, de maneira semellante ao que a formación nacionalista ten xa aplicado noutros lugares como Pontevedra, Soutomaior, o Morrazo ou o Baixo Miño, entre outros. 

O tenente de alcalde subliña que a redacción do proxecto de humanización dese espazo foi unha esixencia do Bloque en 2021. “Entón obrigamos a que se fixera o proxecto, e neste tempo forzamos ao noso socio de goberno a que o incluíse no Plan Extra da Deputación para conseguir o financiamento e que se leve adiante, que sexa unha realidade”, apunta Fariña, quen insiste en que a actuación ten claramente o selo do Bloque.

Manuel Fariña asegura que 2026 quedará na historia de Caldas como o ano no que a Carballeira e o Xardín Botánico van recuperar o seu esplendor