Mosquera asegura que o goberno da Deputación “borraría se puidera” as súas “primeiras e desafortunadas” decisións sobre Santa Clara, Ágora ou as novas subvencións
Pontevedra, 5 de xaneiro de 2024. Este domingo fanse seis meses da toma de posesión do novo Goberno provincial na Deputación e o BNG teno claro: logo de meses de parálise e decisións moi desafortunadas, o equipo de Luís López está a intentar reconducir a situación e, se puidera, “borraría gran parte” dos anuncios iniciais sobre Santa Clara, Revitaliza, Ágora, o Museo ou as novas subvencións aos concellos da provincia.
O voceiro do BNG César Mosquera sinalou hoxe, no seu balance de mandato, que entre finais agosto, setembro, e principios de outubro o novo goberno tomou unha serie de decisións “a cada cal máis desafortunada”, como cargarse o Plan Revitaliza de compostaxe e o Ágora, paralizar a rehabilitación dos edificios centrais do Museo e Santa Clara querendo anular o concurso e sacar o proxecto a Nieto Sobejano, deixar o Museo sen dirección, encargar un Plan de Infraestruturas Deportivas feito a medida dalgúns concellos, ou retomar o Plan de Acción Caciquil que desaparecera no 2014.
A realidade, apuntou o nacionalista, é que despois dalgúns meses o goberno tivo que “aterrar na crúa realidade” e empezou a recompoñer toda esta serie de decisións. “Estou absolutamente convencido de que se puideran borrar ese momento, volver a xullo e non facer nada, estarse quietos... creo que o farían, porque tiveron que empezar a reconstruír, reconducir e rebobinar decisións que adoptaron con sangue no ollo, mala información e peor soporte para avanzar”.
O portavoz do BNG afirma que o goberno de Luís López fixo propostas no inicio do mandato “con mala información e sangue no ollo” e agora está a intentar reconducilas tras ver erros e que non se poden dar axudas a dedo
Explica o anterior vicepresidente provincial que “tras tocar terra e ver como funcionaban as cousas”, o PP deuse conta de que “a ilusión de volver a 20 anos atrás, cando repartían cartos a dedo entre concellos e asociacións sen xustificación... eses tempos, xa pasaron (...) . Porque hai unha lei de 2013 sen volta atrás, porque os proxectos non se cambian nun día e as subvencións non se dan a dedo”.
Mosquera destacou que a corrección dos erros comezou con Santa Clara, xa que se pasou do anuncio da anulación do concurso a negociar o cambio do proxecto co estudo gañador “porque se non os problemas para a Deputación ían ser enormes”. En calquera caso, o nacionalista destacou que “probablemente iso que –Domínguez- chamaba vandalizar os xardíns (construír as instalacións de arqueoloxía en soto) vaino ter que facer igual”, apuntando que volver atrás actos administrativos firmes como a resolución do xurado e as bases dun concurso “ten consecuencias”. “Esa é unha modificación substancial do proxecto que está en discusión dentro da Deputación se é que se pode facer ou non”, insistiu.
Por outra banda, Mosquera tamén sinalou que o novo goberno ‘repescou’ o Plan Ágora despois de anulalo, introducindo dentro das bases do Plan + Provincia unha cuarta liña de proxectos para a creación de espazo público para as persoas que “trata de tapar aquela decisión fondamente errónea... Polo menos hai un intento de rectificación”, subliñou.
Tamén destacou que o novo goberno tivo que ‘recuar’ con respecto á idea inicial do Plan de Infraestruturas Deportivas, que dende o PP pretendían outorgar a dedo. Non puideron facelo, sinalou Mosquera, porque dende o servizo de Intervención se advertiu de que ou ben ían por concorrencia competitiva, con criterios claros e xurado e tribunal que valorase, ou ben ‘café para todos’. “Optaron por café para todos, co que teñen cabreados a alcaldes e alcaldesas deles aos que prometeran cousas e agora resulta que non poden ser. Dixeran incluso publicamente que obras de 700.000 euros entrarían perfectamente nese plan, cando é imposible”, dixo, porque os concellos van levar entre 20.000 e preto de 70.000 euros de máximo.
Tamén no Plan de Augas para asociacións tiveron que modificar as bases. “A idea que tiñan era a de atrás, que con que se agruparan tres do PP e asinaran que ían facer unha obra, pedían os cartos, non lle pedían permiso a ninguén, nin se comprobaba que fixeran a obra... en fin, o Plan de Acción Caciquil, non puido ser. Agora esíxese que a asociación estea legalmente constituída, que se presenten os permisos sectoriais e que os terreos de actuación sexan de titularidade demostrada. Iso de coller e pedir cartos para arranxar unha pista ou poñer un punto de luz municipal acabouse. E resulta que só poden ter entre 6.000 e 10.000 euros máximo. Non ten nada que ver co que prometeron. É un desastre igual, pero xa reconduciron a idea inicial. Non podían facer o Plan de Acción Caciquil e sacaron unhas bases, pero son un disparate e van cabrear a todo o mundo e non van resolver nada”, insistiu.
O Museo, irreconducible
O Museo, segundo Mosquera, “é absolutamente irreconducible” porque nestes momentos a xestión está paralizada. O voceiro do BNG destacou que Rafael Domínguez “entrou hiperactivo, anunciou moitas medidas, (....) como elefante en cacharrería” e foi o que máis meteduras de pata causou para o goberno. Lembrou que anunciou o cambio de proxecto e arquitectos para Santa Clara e tivo que ser corrixido polo vicepresidente, que falou sobre a dirección do Museo e foi corrixido por Cubela, e que pediu unha nova RPT e foi tamén corrixido polo deputado Vázquez Almuíña. “Agora leva un par de meses calado. É evidente que lle pediron que calara na Deputación porque non facía máis que meter en leas a todo o mundo”.
“Dedicouse máis a discorrer maldades no Concello que a xestionar e debeu pensar que era igual de simple sacar as cousas adiante que discorrer maldades, e non o é, non é igual de simple” afirmou, para destacar que os edificios centrais tiñan que estar en obras nestes momentos e non se sabe que pasa con eles, o Museo segue sen dirección real -porque Ángeles Tilve segue a ser responsable de coleccións e só recibe vía produtividade un plus por facer a tarefa de dirección-, que non se sabe nada do acordo co bispado para a compra da nova entrada, tampouco se coñece o futuro do proxecto de Santa Clara nin hai novidades sobre as obras urxentes para as humidades, así como tampouco se sabe nada sobre a renovación do Consello Asesor do Museo, que debía estar pechada a finais de 2023 ou antes, tras a dimisión do anterior.
Mosquera destacou que non valen as escusas por parte da Deputación, sobre todo en relación aos cartos. Indicou que entre maiores ingresos e remanentes, a institución provincial vai ter arredor de 50 millóns extras neste ano, e que hai un compromiso por parte do presidente da Xunta de participar, falándose de entre 5 e 7 millóns de euros da administración autonómica que se deberían concretar en breve aínda que non están nos orzamentos. “O criterio para actuar en Santa Clara era que se dotase de maneira xenerosa. Os 21 millóns de euros deberían sobrar (...) salvo se o queren forrar de ouro –bromeou-. Mentres, todo está parado”.
En canto ao Revitaliza, Mosquera destacou que a Deputación estase subordinando a Sogama en lugar de manter un programa propio de axuda aos concellos. Subliñou que o BNG afrontou as necesidades municipais dende outra perspectiva, para que os concellos cumpran a nova normativa de residuos e eviten as sancións, xa que son os responsables últimos da recollida e tratamento de lixo cumprindo obxectivos legais de reciclaxe. “Sogama non ten esa lóxica, e paréceme fondamente desafortunado facer desaparecer esa idea de axuda aos concellos. É un erro profundo”, finalizou.