O Concello de Pontevedra asina o convenio da senda peonil na estrada de Tomeza que mellora a seguranza do Camiño de Santiago
O alcalde de Pontevedra vén de asinar o convenio de colaboración coa Deputación provincial para acometer a reforma integral da estrada de Tomeza pola que discorre o Camiño de Santiago Portugués, co propósito de mellorar a seguranza viaria en todo o seu trazado. A Xunta de Goberno local aprobou no mes de xullo a sinatura deste convenio, que estivo redactándose nestes meses entre as dúas institucións.
O convenio, paso previo á licitación da reforma, recolle que a EP0002 O Marco-Tomeza-Figueirido é unha estrada de plataforma moi irregular sen case beiravías nin beirarrúas que crea situacións de risco para os seus usuarios, especialmente no treito polo que discorre o Camiño de Santiago.
O proxecto contempla unha intervención en 2,5km e consiste en executar obras de pavimentación da estrada e crear unha senda peonil de formigón coloreado de 2,5 metros de ancho á marxe dereita da estrada. Implantaranse zonas de convivencia das mobilidades onde non sexa posible acadar ese largo mínimo. Ademais, farase un sistema de drenaxe das augas pluviais e a reposición dos servizos que se vexan afectados pola execución destas obras.
O orzamento total da obra é de 1.724.510,78 euros, tendo en conta que a financiación será o 80% a cargo da Deputación, tamén encargada da licitación e da execución da obra, e do 20% do Concello que tamén se encarga de financiar as expropiacións.
Coa sinatura do convenio quedan desbloqueadas as contías orzamentarias que permitirán licitar e executar o proxecto.
Ademais, o convenio tamén inclúe a regularización de distintos treitos de estradas provinciais que pasan a ser de titularidade municipal. En concreto trátase dun treito de 500 metros da estrada de Xoan XXIII a Figueirido que pasa a ser de titularidade municipal soamente até a subida ao colexio de San Martiño, así como tres treitos da estrada de Bora ao Salgueiral que quedaron fóra do novo trazado da vía (son os denominados tramos mortos). Están situados en distintos puntos da estrada e suman un total de 218 metros.