Montse Prado: “No BNG non imos asumir que non haxa pediatras, que non haxa persoal médico, ou que se lle estea dicindo a profesionais que asuman funcións que non son as súas”

O BNG convoca manifestacións este domingo, día 20 en Caldas e Soutomaior para denunciar o desmantelamento da atención primaria que está levando a cabo o PP

Montse Prado: “No BNG non imos asumir que non haxa pediatras, que non haxa persoal médico, ou que se lle estea dicindo a profesionais que asuman funcións que non son as súas”

Pontevedra, 16 de novembro de 2022. Nunha comparecencia de prensa, acompañada por deputados no Parlamento galego e representantes dos concellos da comarca, a portavoz nacionalista en sanidade, Montse Prado mostrou “a enorme preocupación pola situación sanitaria da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés. Convertida no km 0 desde fai meses, no banco de probas do desmantelamento da atención primaria que está levando a cabo o PP desde fai 13 anos”.

O responsábel comarcal do BNG, Iván Bello, informou que para facer fronte a este deterioro da sanidade pública, este domingo, día 20, vai haber na comarca dúas manifestacións, unha en Caldas ás 12 h. con saída da Prazuela, e outra en Soutomaior ás 12,30 h. con saída dende o cruce de Pierres (Arcade) para esixirlle ao PP “que rectifique no seu empeño de atentar contra a saúde dos galegos e das galegas”

A deputada nacionalista, Montse Prado, calificou de “inaceptábel” o estado de permanente alarma sanitaria. “Non hai ningún centro de saúde, nin PAC que teña unha situación de normalidade, cos cadros de persoal que corresponden. Hai carencias en todos e o habitual é atoparse co cartaz de  NON HAI MÉDICO”.

A área sanitaria de Pontevedra-Salnés leva meses sen os profesionais precisos para atender a demanda da poboación. Nos centros de saúde son miles de persoas sen profesionais de referencia, ao non ter sido cubertas as prazas vacantes. Son miles de nenas e nenos sen atención pediátrica: Soutomaior, a Illa de Arousa, Ribadumia, Cuntis, Moraña, Portas, O Grove permanentemente sen pediatra. Cambados, Caldas, Sanxenxo baixo mínimos, cun profesional cando tiña que haber 2 ou 3.

PACS sen facultativos; A Parda, Marín, Bueu, Sanxenxo, O Grove, Vilagarcía, Cambados, Caldas... quendas enteiras sen 1 só médico, no mellor dos casos 1 onde tiña que haber 2 ou 3. A xente véndose  obrigada a ir peregrinando dun centro a outro a ver onde toca ese día que haxa profesionais que os poidan atender.

Diante desta falta de resposta a poboación acaba nas urxencias dos hospitais, que están tendo un incremento de máis do 20%, xa antes deste repunte por enfermidades respiratorias.

En vez de facer fronte a esta situación, a estratexia do PP, lonxe de planificar unha resposta acaída, é a improvisación, ir de ocorrencia en ocorrencia:

  • Pretender que @s profesionais se multipliquen a cambio de pagarlle un complemento por asumir máis tarxetas, ou máis horas, prolongando a xornada, aínda máis.  Pagar máis é un recoñecemento xusto para profesionais extenuados, mais non mellora as condicións laborais indignas, non fai que teñan máis tempo para cada doente, non mellora a calidade asistencial, non evita a extenuación. Profesionais que  denuncian que non son quen de atender a súa axenda de facer máis horas das establecidas, 1, 2 horas ou incluso 3 ou 4.
  • Instalarse na mentira permanente de que están “incorporando” médic@s a atención primaria, cando o único que cambia é a súa situación administrativa, pasan de eventuais a fixos. Non hai aumento de prazas, é un sinxelo baile de profesionais, a practica totalidade xa estaban traballando no Sergas, só cambian de centro, ou incluso moitos quedan na mesma praza na que estaban traballando como temporais.
  • Unhas prazas que  supoñen que @s profesionais dos centros de saúde, de atención ordinaria atendan tamén os PACs. Supoñen peores condicións laborais, asumir maior carga de traballo. Están incorporándose e xa temos casos de profesionais obrigados continuamente a prestar atención en centros diferentes, a deixar a súa consulta de tarde para ir atender un PAC que non ten médico.
  • As última ocorrencia é dar unha formación expres @s profesionais de enfermería para que atendan só as urxencias que cheguen aos PACS sen médicos. Que atendan as urxencias seguindo as indicacións telefónicas dun médico que está traballando noutro centro de saúde, atendendo outros doentes, ou do 061.

Para o BNG é unha auténtica barbaridade atender urxencias seguindo indicacións telefónicas, unha soa profesional, cando sabemos que diante dunha emerxencia fan falta mans para atender á persoa doente: coller vía, facer electros, poñer osíxeno, mediación, incorporar... Non é posíbel atender unha urxencias sen o equipo de profesionais que poidan complementarse.

“Parécenos ben que se mellore a formación de enfermería, mais para desenvolver as súas competencias, o seu perfil profesional. Nin as enfermeiras poden substituír @s médic@s nin @s médic@s poden substituír as enfermeiras. É preciso un equipo completo”, afirmou Montse Prado..

O persoal de enfermaría  non pode asumir unha responsabilidade, unha situación de estrés que non lle corresponde. Nin doentes, nin profesionais poden soportar esta situación, nin laboral nin de atención. A deputada nacionalista agradeceulle o compromiso coa sanidade pública do persoal de enfermaría: “Quero darlle as grazas publicamente a esas enfermeiras, que a pesares de estar nunha situación de prestación de asistencia en condicións adversas e precarias, buscan dar solución aos problemas dos cidadáns pese ás adversidades, polo seu compromiso co sistema sanitario público, poñendo en risco tamén a súa saúde física e emocional”.

A escalada das ocorrencias vémola tamén no Plan de continxencias urxencias hospitalarias. Con estas medidas no PP están recoñecendo de facto a situación de emerxencia sanitaria, de alarma que levamos meses denunciando dende o BNG. Unha situación que non vai facer máis que empeorar pola elevadísima cifra de xubilacións que se van a producir nos vindeiros anos.

Para o BNG é preciso unha auténtica aposta pola Atención Primaria para sacala do colapso no que se atopa. “Estamos en pleno debate dos  orzamentos para 2023, e vemos como non aportan ningunha solución para Atención Primaria, para solucionar o déficit brutal de persoal”, salientou Prado, para quen é “unha evidencia que o PP ten un plan clarísimo, empuxar @s galeg@s cara á sanidade privada”, non por escolla senón por pura necesidade. Se precisan atención sanitaria  e non lla prestan no centro de saúde, nin tampouco nos PACS. Se teñen que acudir aos servizos de urxencias hospitalarias colapsadas. Onde son atendidos despois de agardar horas e en moitos casos se lles di que a patoloxía que teñen non é de gravidade para acudir a urxencias hospitalarias.

O resultado é que quen pode acude á privada ou directamente ou vía contratar un seguro médico, e @s que non quedan tiradas.

Para o BNG é imprescindíbel adoptar as seguintes medidas conxunturais e estruturais
 

Reter as profesionais que se forman en Galiza, e que seguen a marchar en desbandada

A petición de certificados de idoneidade, para poder traballar fóra, non fai máis que aumentar. Segundo o informe do Colexio Médico Colexial no ano 2021, 75 facultativos solicitaron en Galiza a certificación de idoneidade, e que a maioría son da especialidade de familia e comunitaria.

Segundo a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria  arredor do  20% das enfermeiras especialistas que se  forma vense na obriga de emigrar para poderen desenvolver a sua profesión na AP, e que o 15% seguen traballando coma enfermeiras xerais, moitas veces no hospital.

Facer ofertas con condicións laborais dignas, que sexan atractivas para que se queden os que rematan e retornen os que están fóra.

Reforzo de todas as categorías: médicos, enfermería, TCAS, fisioterapia, matronas, celadoras, psxs.. Hai profesionais nas listas de contratación.

Incorporar novas categorías: psicoloxía clínica, terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos, nutricionistas...

Aumentar orzamento, non pode o PP solucionar o problema a custe 0, a costa do sobreesforzo continuo dos profesionais

“No BNG non imos asumir que non haxa pediatras, que non haxa persoal médico, ou que se lle estea dicindo a profesionais que asuman funcións que non son as súas. O goberno non está para dicirnos cales son os problemas, senón para solucionalos”, concluíu a deputada nacionalista.

Montse Prado: “No BNG non imos asumir que non haxa pediatras, que non haxa persoal médico, ou que se lle estea dicindo a profesionais que asuman funcións que non son as súas”