Marga Caldas denuncia a “precaria situación" do sistema sanitario en Poio
A concelleira do BNG e titular da área invita ao tecido asociativo a participar na vindeira Mesa da Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio, ante o “grave contexto” no que se atopa o concello en materia sanitaria, debido á falta de persoal e ás vacantes que non se cobren, que motivan listas de agarda interminables e a saturación dos e das profesionais
Poio, 3 de novembro de 2022.- A concelleira de Sanidade, Marga Caldas (BNG), informa de que nas vindeiras datas convocarase a Mesa da Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio, á que se convidará a participar a representantes do tecido asociativo do municipio. O motivo da convocatoria é analizar e dar traslado da “situación caótica e precaria” que está a experimentar o sistema sanitario no concello, un contexto que “non é novo” e que “está a provocar un agravio brutal á veciñanza, con axendas bloqueadas, listas de agardas interminables e unha saturación insostible entre o persoal pola falta de médicos”.
Caldas lembra que o Concello de Poio xa amosou o seu respaldo á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, a través da al se busca instar á Xunta de Galicia a que impulse medidas encamiñadas a mellorar a calidade do sistema sanitario “de xeito urxente e inmediato”. Neste sentido, a edil nacionalista incide en que “dentro da grave situación que se está a vivir no país, Poio é un dos concellos máis agraviados e discriminados”. Así o demostran feitos como a decisión do Sergas de non reforzar o número de profesionais nos centros de saúde do municipio. “Na área sanitaria Pontevedra – O Salnés incrementáronse os médicos en varios concellos, pero non aquí, cando é evidente que os e as profesionais están desbordadas”, critica Marga Caldas, que tamén adianta que o Concello solicitará unha reunión urxente co novo responsable da EOXI para solicitarlle “medidas urxentes”.
A edil de Sanidade incide na gravidade do contexto e adianta que, ademais de animar ao tecido asociativo a participar en iniciativas xa iniciadas, como a recollida de sinaturas, tamén se abordará durante a sesión a opción de emprender mobilizacións de protesta. Caldas achegou datos á hora de analizar a situación do sistema sanitario en Poio. A día de hoxe hai dúas vacantes sen cubrir, unha correspondente a un profesional que exerce en Anafáns e Combarro e outra en Combarro. “Tamén está a situación do ambulatorio de Raxó, no que a doutora, que está a piques de xubilarse, despacha citas 3 días á semana, durante catro horas e só con cita previa. Do contrario, os veciños e veciñas da parroquia teñen que desprazarse ata Anafáns en caso de urxencia, onde a saturación tamén é evidente. Todo iso provoca que as axendas se bloqueen e que xa teñamos casos de usuarios e usuarias aos que non se lles dá cita ata decembro”, advirte Marga Caldas.
“A Consellería de Sanidade, como responsable desta competencia, ten a obriga de cubrir as necesidades dos e das pacientes, así como do persoal médico. Desde o Concello, da man do tecido asociativo, seguiremos buscando fórmulas para esixir o incremento de persoal e que se cubran as vacantes canto antes”, finalizou a concelleira do Goberno local.