A mellora da estrada entre Lourido e Campelo, "máis perto"
Pontevedra, 31 de maio de 2016. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou hoxe que a mellora da estrada entre Lourido e Campelo está máis perto. O responsable das estradas provinciais reuniuse co alcalde de Poio, Luciano Sobral, a quen indicou que os técnicos provinciais van analizar o proxecto elaborado no seu día polo concello, avaliar a súa viabilidade, adecualo á nova política do goberno provincial e aplicar os novos criterios de actuación para as vías de titularidade da Deputación. Benítez destacou, deste xeito, que se están a producir "avances buscando unha solución para a estrada, avaliando un proxecto que o señor Louzán non fixo nunca.
Na reunión de hoxe participaron o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e a directora de Mobilidade, Isabel Pardo de Vera; así como o alcalde Luciano Sobral, a deputada Chelo Besada, os concelleiros Xulio Barreiro e Gregorio Agís. Sobre a mesa estivo case unicamente a solución para a estrada que vai entre a rotonda de Lourido e Campelo (EP-0601), cuestión xa debatida no Pleno da Deputación, onde o novo goberno provincial asumira que se trataba dunha actuación prioritaria.
Os representantes municipais entregaron a Benítez o proxecto que no seu día elaboraran os técnicos municipais (2012) e que nunca fora atendido polo anterior presidente. Este proxecto, segundo se puido ver a simple vista, incumpre os criterios actuais do novo goberno que marcan, entre outras cousas, un largo mínimo para as beirarrúas de 2,5 metros. Coa intención de realizar unha análise moito máis exhaustiva, os técnicos do servizo provincial de Mobilidade estudarán as propostas presentadas durante as vindeiras semanas e, no seu caso, proporán alternativas para chegar a unha solución consensuada co Concello de Poio. Unha vez se realice ese estudo os representantes de Deputación e Goberno local volverán reunirse.
O deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, lembrou que a nova Deputación de Pontevedra ten entre os seus eixos de goberno centrar as actuacións nas persoas, co fin de garantir unha correcta mobilidade que resolva os problemas dos peóns nos seus tránsitos diarios. Benítez tamén indicou que a seguranza viaria é outra cuestión clave coa que se está a traballar nas vías provinciais dende o Plan Móvese, polo que se realizarán medidas de calmado do tráfico nas estradas provinciais instalando pasos de peóns sobreelevados, redutores de velocidade e zonas 30.
Hai que lembrar que a estrada de Campelo ten un tramo moi conflitivo de 1,6 quilómetros que une Portosanto o núcleo urbano de Campelo coa C-550. Este conta cun largo de entre seis e sete metros e carece de beirarrúas polas que poidan transitar os peóns. Trátase dunha construción pola que se accede a moitos núcleos de centralidade do lugar, como son o centro de saúde, o colexio e incluso a igrexa. Calcúlase que uns 2.000 veciños transitan por ela diariamente.