Manuel Fariña: “A Xunta abandona Caldas de Reis na súa proposta de orzamentos para 2026”

Manuel Fariña
Manuel Fariña
Manuel Fariña: “A Xunta abandona Caldas de Reis na súa proposta de orzamentos para 2026”

Caldas, 21 de outubro de 2025. O tenente de alcalde e portavoz do BNG en Caldas de Reis, Manuel Fariña, expresou o seu firme desacordo cos orzamentos  presentados pola Xunta de Galiza para o ano 2026, que evidencian un claro abandono cara ao municipio. “En Caldas non se ve por ningún lado a tan cacarexada aposta do goberno galego pola política social, a sanidade, a educación, a vivenda e o emprego”, declarou Fariña, á vez que subliñou a falta de investimento efectivo en áreas crave para o benestar da cidadanía.

Un dos puntos máis críticos resaltados polo tenente de alcalde é a insuficiente partida destinada ao centro de saúde. Aínda que a Xunta anunciou a asignación de 600.000 euros, Fariña salienta que esta cantidade está incluída en partidas xenéricas e condicionada a unha esixencia burocrática innecesaria. “A Xunta comprometeuse a iniciar a licitación sabendo que os terreos estaban dispoñibles, sen necesidade de ter pechado o trámite do rexistro da propiedade. Agora vemos que non hai tal boa disposición”, sinala Fariña, quen explica que o Rexistro da Propiedade de Caldas está saturado. “Que a Xunta non queira avanzar a súa parte sabendo que a cesión dos terreos está nun trámite que non depende do Concello, só por un formalismo, parécenos a demostración de que os seus anuncios non son máis que propaganda”, advirte.

Ademais, Fariña critica a ausencia total de fondos para o desenvolvemento de polígonos industriais no municipio, a pesar da evidente necesidade de solo para empresas. “A Xunta non se implica no desenvolvemento nin o emprego. Non se move nin un euro neste sentido”, denuncia o nacionalista.

Así mesmo, o Bloque constata unha falta alarmante de partidas para vivendas sociais en Caldas de Reis, a pesar de que este municipio presenta unha gran demanda, comparable a localidades moito máis poboadas como Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía. “Van obrigar ao goberno local a realizar proxectos de vivenda pública, como o que levou a cabo na Tafona, porque aínda que anuncian vivenda social como un dos principais logros destes orzamentos, esquécense de Caldas unha vez máis”, destaca Fariña.

No que respecta ás infraestruturas, o portavoz do BNG lamenta tamén a inexistencia de fondos para a autovía Curro-Baión, esencial para o acceso ao Porto de Vilagarcía. “Esa autovía é fundamental evitar a ‘Espada de Damocles’ que supón a variante proxectada polo Estado a través de Godos, Saiar, Bemil e Santa María”, advirte. Fariña considera que o goberno do PP perdeu unha oportunidade histórica de poñerse ao lado das veciñas e os veciños, asumindo unha infraestrutura que é da súa competencia.

Por último, o tenente de alcalde denuncia que tampouco hai fondos destinados á recuperación do río Umia. “Moita propaganda, seguidismo e unha total amnesia para Caldas de Reis; iso é o que temos por parte da Xunta”, conclúe Fariña.

Manuel Fariña: “A Xunta abandona Caldas de Reis na súa proposta de orzamentos para 2026”