Manuel Fariña denuncia CEIP San Clemente segue sen luz nin calefacción
Caldas, 30 de outubro de 2025. Non houbo avances. O CEIP San Clemente segue a vivir graves problemas derivados da paralización das obras de reforma a pesares do anuncio da Xunta de Galiza a pasada semana. A nova empresa responsable de corrixir as deficiencias só foi ao colexio para tapiar os aseos inutilizados: o resto dos baños dos demais andares seguen sen funcionar correctamente e non hai luz nin calefacción.
Así o denunciou hoxe novamente o tenente de alcalde e responsable de Educación no Concello, Manuel Fariña, quen subliña que os problemas máis importantes seguen sen atender e que a Xunta está a tomar o pelo á comunidade educactiva. "A pesar dos continuos anuncios, que lamentablemente vemos que son só propaganda para intentar ter á xente calada, o máis importante que eran os cortes de luz e a calefacción non os arranxaron", advirte.
O nacionalista subliña que a Xunta está a quedar en evidencia “unha vez e outra” polos seus continuos incumprimentos co centro. Lembra que o pasado día 10 de outubro o Concello xa dera a voz de alarma pola situación inaceptable que vivía o colexio, xa que a empresa adxudicataria da reforma entrara en concurso de acredores e deixara as obras dun día para outro. A resposta da Consellería de Educación, recoñeceu Fariña, foi rápida e en principio satisfactoria, xa que comunicou ao CEIP que outra empresa se faría cargo de solucionar os problemas máis inmediatos de maneira urxente.
Porén, o anuncio de Educación non supuxo entón ningún tipo de cambio. Doce días despois, a dirección do centro aínda non sabía nada nin da anunciada empresa nin tampouco da Consellería, que nin sequera atendía as chamadas para explicar a ausencia de movementos. Fariña subliña que o único movemento da delegación entón foi intentar silenciar as queixas e, novamente, volveu anunciar que a empresa se faría cargo da situación.
“Agora volvemos outra vez. Estamos a vivir no Día da Marmota de maneira permanente. Os problemas seguen aí, a Consellería di que manda a unha empresa, pero a construtora non aparece e as deficiencias existentes seguen impedindo o normal e correcto funcionamento do colexio. Isto é unha tomadura de pelo absoluta e en bucle”, afirma Fariña.
Insiste o nacionalista en que “a situación agrávase a cada momento” sobre todo porque nos últimos días -como era previsible- baixaron as temperaturas e chegou a chuvia, algo que provocou que, sen climatización, a situación nas aulas sexa moi incómoda para a rapazada e o profesorado. As zonas sen luz, sinala o concelleiro, tamén están a provocar “evidentes problemas”.
Fariña subliña que a Consellería de Educación “ten moitas explicacións que dar” tanto á ANPA como á dirección do centro, porque ignora as necesidades do colexio de maneira reiterada non só en relación ás demandas de profesorado repetidas dende o curso pasado, senón agora tamén en relación ás obras de reforma. “A Xunta promoveu as obras de reforma para intentar calmar as queixas de que non se atendían ningunhas das necesidades o centro, e agora as obras aínda deixan máis en evidencia que ao goberno galego non lle importa o que pasa en Caldas”, denuncia o responsable do BNG.