Luís Bará confirma que un goberno do BNG na Xunta investirá alomenos 10 millóns de euros na rehabilitación de Santa Clara
Pontevedra, 17 de xaneiro de 2024. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra Luís Bará parou hoxe en Pontevedra na súa xira por todas as comarcas da provincia nun dos actos iniciais da precampaña cara ao 18F. Acompañado de cargos institucionais e orgánicos puxo sobre a mesa o compromiso de investir alomenos dez millóns de euros na rehabilitación de Santa Clara como parte do Museo de Pontevedra.
O anuncio xurdiu nunha reunión co goberno municipal de Pontevedra para analizar as principais prioridades do municipio con respecto á Xunta e establecer compromisos dun futuro goberno do BNG con Pontevedra, “de maneira que se deixen de poñer atrancos aos grandes proxectos que ten a cidade e sexa un goberno a favor de Pontevedra que non poña paus nas ‘Ruedas’ como fai agora”.
De todos os temas tratados, un abano moi amplo, tanto de infraestruturas viarias, como de materia sanitaria, de infraestruturas empresariais, da ría, das instalacións deportivas, Bará subliñou o que considera como un dos máis importantes e prioritarios, o que definiu como “o grande proxecto da cidade neste momento”: a recuperación, rehabilitación e posta en valor do convento de Santa Clara.
Segundo o nacionalista, dende as filas do Bloque “vemos que non hai un compromiso claro e decidido por parte da Xunta”, polo que asegurou que un goberno do BNG, pola contra, “vai poñerse de lado do Concello neste proxecto estrela, vai apostar por el e vai poñer as pilas á Deputación para que se saque adiante, porque non só é un proxecto de Pontevedra, senón que é un proxecto de toda Galiza, dun grande Museo Nacional de Galiza, que é o papel que ten que cumprir o Museo de Pontevedra”.
Neste sentido, o cabeza de lista pola provincia comprometeu o apoio económico, ademais de técnico e de contidos que debe ter o proxecto por parte do futuro goberno liderado por Ana Pontón. “Unha achega económica mediante orzamentos da Xunta para financiar, cando menos, con dez millóns de euros este grande proxecto da cidade e de Galiza”, subliñou o nacionalista.
O cabeza de lista do Bloque, de xira pola provincia, destaca que a recuperación do convento é un proxecto non só para a cidade senón para o país, xa que o Museo de Pontevedra “é o grande Museo Nacional de Galiza”
A parada en Pontevedra de Bará enmarcouse na xira que hoxe está a facer na provincia, cumprindo a estratexia de que esta será unha campaña ilusionante, mobilizadora e moi activa, na que se traballará voto a voto porta a porta. De feito o nacionalista organizou un percorrido de 300 quilómetros que incluíu paradas en Lalín, A Estrada, Pontecesures, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vilaboa, Vigo, Tomiño e Mondariz Balneario, comezando ás oito da maña e pechando a axenda máis de doce horas despois.
Durante todo o percorrido, Bará pediu o apoio da cidadanía para un cambio na Xunta e conseguir a “mellor Galiza”. Insistiu en que estas son as eleccións máis abertas en 14 anos e que o futuro goberno da Xunta decidirase por poucos votos, polo que chamou a concentrar no Bloque esa “corrente de cambio imparable” que se detecta na rúa.
“Ana Pontón é a candidata de todas as persoas que queren cambio, desa maioría plural e diversa”, subliñou, asegurando que “este é o momento do cambio. É o momento en Galiza porque podemos gañar ao Partido Popular se todas as persoas que queren cambio collen a papeleta do BNG, se non se perde nin un só voto”, insistiu.