MANIFESTACIÓN, DOMINGO 3 DE ABRIL ÁS 12 H. NA PORTA DO CAMIÑO (SANTIAGO DE COMPOSTELA)

Luís Bará chama a mobilizarse contra a espiral inflacionista

Luís Bará chama a mobilizarse contra a espiral inflacionista

Pontevedra, 28 de marzo de 2022. O deputado do BNG, Luís Bará, compareceu hoxe, arroupado por membros da dirección nacionalista, para informar sobre a campaña que está a levar o BNG contra a suba dos prezos, unha campaña “de resposta a unha grandísima crise, que comezou sendo sanitaria e se convertíu nunha xigantesca crise económica e social”, que lle afecta a todos os sectores e, especialmente ás clases traballadoras e á pequena e mediana empresa.

Unha crise que comezou hai xa un ano, cun incremento dos prezos que nos levan a unha inflacción do 8%, nunca vista nos últimos 40 anos no noso país, e que, nalgúns produtos superan o 100%, creando un efecto dominó que afecta a todos os sectores económicos e sociais. Esta crise, non é pois consecuencia directa da guerra na Ucraína, aínda si tivo un efecto multiplicador.

“A realidade é que non a todo mundo lle está indo mal con esta crise”, afirmou o deputado nacionalista. No ano 2021, mentres a maioría da poboación sufre esta situación as grandes empresas do IBEX tiveron beneficios de máis de 64.000 millóns de euros ou as tres principais eléctricas (Endesa, Iberdrola e Naturgy) tiveron beneficios de máis de 6.500 millóns de euros. A crise está, pois “provocando un xigantesco trasvase de rendas da clase traballadora para as grandes empresas”.

Esta crise está tendo un efecto demoledor, de consecuencias imprevisíbeis, se non se toman medidas reais a tempo que están afectando aos fogares, cun incremento desmesurado dos prezos de produtos básicos da alimentación, da electricidade, do gas, do combustíbel, do transporte, da vivenda… afectando, especialmente, de forma máis crúa, ás 700.000 persoas que están en risco de exclusión social (un cuarto da poboación total).

Ese efecto dominó tamén se está trasladado ao peche de industrias, con peches de industrias, con suspensións temporais da actividade,… ao sector da construción, co incremento de prezos dos subministros que está paralizando a actividade, e ao sector primario, tanto á pesca como ao sector agroalimentario que está ao borde do colapso, perxudicado polo aumento desmesurado dos combustíbeis e dos subministros que necesitan para a súa actividade.

PARÁLISE DA XUNTA E DO GOBERNO CENTRAL

Diante desta grave situación que necesita respostas contundentes e inmediatas, é de salientar a parálise do Executivo central e da Xunta "cun goberno interino no que o seu principal representante, o señor Feixóo, anda de viaxe por toda España de campaña electoral”.

Nunha primeira análise, dixo Bará “as primeiras medidas adoptadas polo goberno central, son parches, que non van á causa dos problemas que estamos sufrindo”. As principais medidas consisten en créditos, en liquidez para as empresas, pero van significar máis sacrificios para a clase traballadora en forma de perda de ingresos e de dereitos.

UNHA TARIFA ELÉCTRICA GALEGA PERMITIRÍA A REDUCION DO 30% DA FACTURA DA LUZ

Fronte a isto, o BNG propón a unha serie de medidas inmediatas e urxentes e outras a medio prazo.  A primeira das medidas propostas é baixar o prezo da electricidade, xa que a electricidade repercute en todo en todos os ámbitos da economía e da sociedade. “Estamos sufrindo prezos escandalosos, inflados artificialmente polo sistema eléctrico, que fai que enerxías baratas como as renovábeis se paguen a prezo das máis caras, das do gas”. Neste sentido reclamamos unha intervención pública do mercado eléctrico que poña fin aos beneficios "chovidos do ceo" das eléctricas e unha tarifa eléctrica galega, de forma que nos poidamos beneficiar de ser excedentarios en enerxía; unha tarifa propia permitiría a redución dun 30% da factura da luz para as empresas e para os fogares.

En segundo lugar, o BNG propón unha baixada temporal do imposto sobre hidrocarburos, rebaixa que debe ir acompañada de medidas extraordinarias para o sector primario e para o transporte.

En terceiro lugar propoñemos a redución temporal de impostos en servizos básicos, chegando ao superreducido do 4% para produtos da “cesta da compra”, até que a inflacción se estabilice nun 2%. 

Todas estas rebaixas deben ir acompañadas dunha reforma fiscal que faga que pague máis quen máis ten.

A maiores o BNG propón a adopción doutro tipo de medidas como a intervención pública para conter a suba dos alugueiros e aumentar a oferta pública de vivendas en rexime de aluguer; a revisión dos prezos na construción pública en todos os ámbitos da administración ou a rebaixa de peaxes en autoestradas e autovías.

Ademais, Bará propón a adopción de medidas para garantir os subministros ao sector primario a prezos competitivos e que se paguen prezos xustos polos seus produtos.

Así mesmo, o deputado nacionalista informou da realización dunha campaña de interlocución vos distintos actores económicos e sociais e fico un chamamento a participar na mobilización convocada polo BNG para o vindeiro domingo, 3 de abril, en Santiago de Compostela, con saída da Porta do Camiño, para que tanto o goberno galego como o do Estado actúen de forma inmediata e áxil para paliar a crise.

Luís Bará chama a mobilizarse contra a espiral inflacionista