Lores remite unha carta ao ministerio de Vivenda para que promova vivenda protexida nos terreos de propiedade estatal na cidade

Vista aérea de Pontevedra
Vista aérea de Pontevedra
Lores remite unha carta ao ministerio de Vivenda para que promova vivenda protexida nos terreos de propiedade estatal na cidade

Pontevedra, 4 de xuño de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ven de enviar unha carta á ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez García, na que solicita que as tres grandes bolsas de terreo urbano que dispón o Estado na cidade: Mollavao-Campolongo, a finca do Teucro e os terreos da avenida do Uruguai se destinen na súa totalidade ou en parte á construción de vivenda protexida en calquera das súas modalidades. 

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña informou desta misiva e explicou que "queremos que promovan vivenda protexida na cidade". Considera que o Estado debe aproveitar os seus propios recursos "para ofrecer solucións a curto ou a medio prazo" e aínda que entende que "hai máis terreos dos que propoñemos aquí", o concelleiro adiantou que existen tres grandes bolsas de titularidade directa do Goberno (dalgún ministerio) ou da Sareb: 

  • Campolongo e Mollavao: convenio asinado entre o Invied e o Concello para a promoción de vivenda que na actualidade está en fase de elaboración do proxecto de urbanización. Ademais, Defensa dispón de vivendas baleiras "que consideramos que poderían ser empregados para vivenda protexida, ben en réxime de venda ou de alugueiro", explicaba Alberto Oubiña.
  • A finca do Teucro onde se vén de aprobar un estudo de detalle para reaxuste de aliñacións. O concelleiro adiantou que se non fosen todas para vivendas públicas "cando menos unha parte delas adicalas a vivenda protexida".
  • Terreos da avenida de Uruguai e da rúa do Ouro. No primeiro caso é un terreo do histórico Ministerio de Obras públicas que ten posibilidade de licenza directa e "poderían desenvolvelo" segundo Alberto Oubiña, e no segundo caso a Sareb xa tramita unha licenza para a construción de 22 vivendas.

Alberto Oubiña explicou que dende "o Concello temos manifestado en varias ocasións esta disposición a facilitar e axilizar trámites para estes proxectos e ofrecemos dúas posibilidades: por unha banda, que o promova directamente o Estado e nós colaboramos con eles en todo o que sexa posible, ou ben que se lle cedan á Xunta e que sexa a Xunta quen faga estas vivendas protexidas, cando menos na teoría teñen esa intención de construír máis vivendas na cidade". 

Ademais, o Concello abre a porta a manter calquera tipo de xuntanza co ministerio para avanzar neste propósito xa que "creemos que coa introdución de novas vivendas protexidas na cidade imos poder axudar a conter o prezo da vivenda". 

Carta enviada polo alcalde de Pontevedra á ministra

Lores remite unha carta ao ministerio de Vivenda para que promova vivenda protexida nos terreos de propiedade estatal na cidade