Lores sitúa a Pontevedra no "mapa mundial da calidade urbana" durante a súa participación no foro europeo en Reggio Emilia
Pontevedra, 4 de febreiro de 2026.O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou de forma moi positiva a súa participación no congreso celebrado estes días na cidade italiana de Reggio Emilia, cualificando o encontro como "moi interesante sobre as bondades das cidades de proximidade”.
No marco deste foro europeo, Lores destacou a importancia de establecer relacións e compartir experiencias con alcaldes e representantes de concellos de toda Europa que están a traballar na mesma liña: "mellorar a calidade de vida das cidades, recuperando o espazo público e promocionando as cidades de multiservizos”.
Durante a súa estancia, o alcalde mantivo na pasada xornada unha reunión de "bastante tempo" co seu homólogo en Reggio Emilia, Marco Massari, así como co director xeral de mobilidade do concello italiano, Paolo Gandolfi. Lores sinalou que este técnico xa coñecía Pontevedra logo de visitala hai tres anos. O evento contou tamén coa participación por videoconferencia do recoñecido urbanista Carlos Moreno.
O rexedor aproveitou tamén para gabar a cidade anfitrioa, describindo a Reggio Emilia como unha cidade cun "centro histórico moi importante, maioritariamente peonil" e cun "patrimonio histórico incrible”.
Fernández Lores subliñou a gran proxección e promoción do modelo de Pontevedra durante o evento. Segundo explicou, nas conferencias principais, que chegaron a reunir a 300 persoas, "todo o mundo falaba ben do modelo que desenvolvemos en Pontevedra nestes últimos 26 anos”.
Como resultado deste interese, o alcalde confirmou que existe un "compromiso de visitar a cidade por parte de moitísima xente", o que considera que traerá "moi bos resultados de cara ao futuro" para a proxección da imaxe da cidade.
Para finalizar, Lores amosouse "encantado" de ter asistido a este congreso "moi produtivo", reafirmando o obxectivo de "poñer a Pontevedra no mapa mundial da calidade urbana e da calidade de vida", un horizonte cara ao que, segundo o alcalde, “todas as cidades deberían camiñar".