Lores desbloquea en Madrid a cesión da avenida de Compostela e do treito da N-550 até Alba para facer posíbel a Variante de Alba
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo o martes, 14 de xaneiro, un encontro en Madrid co secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostíbel, José Antonio Santano. A reunión desenvolveuse tal e como estaba prevista, nas dependencias do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible (MITMA), e o rexedor pontevedrés, acompañado do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, puido poñer sobre a mesa distintos asuntos de relevancia e interese para o concello.
“Foi unha reunión longa e cordial na que tratamos diversos temas, onde destacaría como a máis importante a solicitude de cesión da N-550 até Touzeda, en Alba, para facilitar a conexión coa futura variante de Alba”, explicou Lores. “Sorprendeunos agradablemente que haxa un informe favorable desde “Demarcacións e unidades de estradas” para a cesión desta estrada, restando a autorización definitiva por parte da Dirección Xeral de Estradas”.
O rexedor pontevedrés sinalou este feito como un “avance significativo”, ao tempo que volve de Madrid co compromiso do secretario do Estado para realizar esta cesión no menor tempo posíbel. “É un tema realmente importante e estamos satisfeitos co resultado deste encontro nese sentido”, sinalou.
Doutra banda, Lores tamén quixo afondar no estado actual do proxecto para finalizar o paseo pola ría cara Marín, que quedou sen rematar, logo da paralización do seu segundo treito. “Cónstanos que houbo unha xuntanza os Ministerios de Transición Ecolóxica e Transportes, pero que terán que ter máis reunións para que avance”, indicou. O alcalde lembra que o remate deste paseo formou parte do acordo de investidura, polo que o secretario de Estado avanzou o obxectivo de volver retomar as reunións e enfocar “definitvamente” este proxecto.
Por último, o alcalde achegou novas informacións sobre a autorización de Adif á hora de facer o baipás de Mollavao, paso obrigatorio e necesario. “A autorización caducou cando agardabamos polo informe de Costas e houbo que volver remitir a documentación”, lembrou. “Semella que será algo inmediato, pois toda a documentación pola nosa banda xa foi enviada”.