Iván Ferreiro e León Benavente actuarán o 17 de agosto e pechan o programa de concertos das Festas da Peregrina
Pontevedra, 28 de xullo de 2025. A sorpresa chegou por duplicado: Iván Ferreiro e León Benavente actuarán o vindeiro 17 de agosto na praza do Concello, durante as Festas da Peregrina. A actuación que quedaba por revelar dentro do programa de verán deixou de ser unha incógnita e fixa unha data imperdíbel para os amantes do pop e o indie.
O edil de Festas, Demetrio Gómez, explicou que ás 22.30h actuará Iván Ferreiro para logo, ao remate do seu concerto, iniciarse o de León Benavente. Colaborarán o artista e a banda? Iso é algo que non se poderá saber até esa noite, coma decisión artística que é.
Gómez indicou que ambas as dúas propostas traerán as súas xiras até Pontevedra (Trinchera Pop e Nueva sinfonía sobre el caos) nun espectáculo “único”, dada a coincidencia dos espectáculos e ao ser un evento aberto á cidadanía, de balde. “Será unha noite digna dalgún dos mellores festivais que se celebran ao noso ao redor, con dous artistas consagrados dentro do panorama pop”, explicou. “Quixera destacar que Pontevedra continúa a facer un esforzo moi grande para que citas así sexan posíbeis, crear un programa de verán no que todo o mundo atope algo que lle preste, dirixido a todo tipo de público».