ACTO DE GN CON MOTIVO DO 8M
Iria Carreira: ”O machismo existe e persiste na sanidade, e sufrímolo desde o momento no que as mulleres pisamos un centro de saúde.”
Pontevedra, 13 de marzo de 2026. O xoves 12 tivo lugar en Pontevedra unha charla-coloquio organizado por Galiza Nova con motivo do 8M, baixo o título “As mulleres na sanidade”, que contou coa participación da deputada do BNG e médica de profesión, Iria Carreira.
A deputada nacionalista comezou a súa intervención falando de que o Sergas, á que definiu como “a maior empresa de Galiza”, mantén alta precariedade laboral: arredor do 54% das enfermeiras están en situación eventual, o que evidencia a falta de medidas para reducir esta realidade. A isto súmase a privatización de distintos servizos, como o de limpeza, un traballo feminizado case ao 100%.
Fixo fincapé na situación das matronas, á que calificou como “especialmente preocupante”, xa que seguen cun réxime salarial obsoleto e cunha sobrecarga laboral moi alta, sen melloras nas súas condicións desde hai décadas. “Galiza está á cola do Estado na ratio de matronas, cunha por cada 8.000 mulleres maiores de 15 anos, aínda que existen diferenzas entre áreas sanitarias,en Pontevedra, é unha por cada 6.500. Actualmente, o Sergas calcula estas ratios só coas mulleres de 15 a 64 anos, deixando fóra ás maiores de 65, o que reduce artificialmente os datos e invisibiliza parte da demanda real”.
Pero o machismo na sanidade non só afecta ás mulleres que traballan nela. Segue presente en todo o sistema sanitario. Así, a atención ás pacientes continúa marcada por nesgos de xénero, algo que diferentes estudos relacionan co feito de que a investigación médica tivo como base, historicamente, o xénero masculino, deixando ás mulleres fóra como suxeito de estudo.
Iria Carreira: "Os nesgos de xénero afectan a todos os niveis, incluso afectando á mirada de quen está diagnosticando"
Iria Carreira sinalou, ademais que a saúde sexual e reprodutiva se centra “case exclusivamente no embarazo, parto e algo de postparto, mentres outras etapas, como a menopausa, reciben pouca atención e xeran unha sensación de abandono”. Mesmo no parto seguen producíndose actitudes paternalistas ou de infantilización, que nalgúns casos se traducen en situacións de violencia obstétrica.
A todo isto hai que sumar as infraestruturas e materiais en malas condicións e unha escasa aposta pola investigación pública das patoloxías propias das mulleres dentro do sistema sanitario.
Durante o coloquio posterior, e a respeita da situación sanitaria das persoas trans, a deputada nacionalista afirmou que, “ademais do machismo, as persoas trans tamén sofren transfobia", poñendo como exemplo os programas de cribado de diferentes cancros que non contemplan ás persoas trans.