A hostelaría e o comercio de Caldas non poden agardar máis
Caldas de Reis, 15 de marzo de 2021. A situación límite pola que están a atravesar a hostalería e o comercio local esixe a adopción de medidas urxentes e concretas que permitan paliar unha situación extrema que non só afecta aos propietarios dos negocios, senón tamén a traballadores e traballadoras, proveedores, e a todo o tecido económico municipal. A urxencia da situación non merece que o goberno municipal agarde a aprobar uns orzamentos que nin están nin se lle esperan.
“A situación crítica pola que están a atravesar a hostalería e o comercio local esixen medidas de apoio e estímulo inmediatas” afirmou Manuel Fariña.
O que non pode facer un goberno responsábel é poñer os seus intereses políticos por diante do interese xeral das veciñas e veciños de Caldas, que asisten estupefactos a unha bateria de anuncios que nunca chegan a concretarse. Así pois, o goberno de Juan Manuel Rey non só faltou á súa palabra cobrando ata o último céntimo das taxas e impostos municipais aos sectores máis afectados pola crise do coronavirus, senón que tamén está pospoñendo sen motivo medidas como a aprobación de axudas directas a uns sectores que agonizan.
“Sería imperdonábel que nunha situación como a actual, o goberno municipal non actuase con contundencia e premura. Esta contundencia debe amosarse tamén nos números, que non debería ser inferior ao aportado en anos anteriores a grandes eventos como o festival Portamérica ou ás actuacións musicais das festas patronais” sinalou Fariña.
“O goberno municipal debe deixar atrás a propaganda baleira e pasar á acción. Non hai motivo para seguir agardando sine díe mentres hai familias e negocios que están ao límite” sentenciou o portavoz municipal do BNG.
A proposta do BNG pasa pola aprobación inmediata dunha modificación de crédito e das bases das axudas para o comercio e a hostalaría locais nas que a aportación municipal en ningún caso sexa inferior aos 120.000€. Unha cantidade que permitiría levar o importe total destas axudas a preto dos 150.000€ se temos en conta a aportación da Deputación de Pontevedra. Unha cantidade perfectamente asumíbel se temos en conta que esta é unha cantidade moi inferior ás destinadas a eventos como as festas patronais ou ao festival Portamérica.