GN informa da Lei Mordaza e denuncia o intento do PP de implantar o estado policial
Pontevedra, 1 de abril de 2015. Coa boca amordazada, membros de Galiza Nova informaron das consecuencias da Lei de Seguridade Cidadá entre a mocidade de Pontevedra. As mocidades do BNG denuncian así o atentado contra os dereitos básicos e liberdades que entraña a Lei Mordaza, dixo Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova, perante esta lei aprobada no Congreso polo PP e que comezará a aplicarse a partir do 1 de xullo. O responsábel comarcal de Galiza Nova na comarca de Pontevedra, Alberte Fernández, afirmou que a intencionalidade do PP é calar a mocidade galega e a contestación social e recordou que o BNG e Galiza Nova mobilizáronse durante os pasados meses contra esta lei e o BNG votou en contra dela no Congreso porque consagra o estado policial co obxectivo de silenciar e amordazar a crítica, denuncia e mobilización social.
Situados na Praza da Peregrina coa boca amordazada en sinal de protesta, membros de Galiza Nova repartiron a mocidade información crítica sobre as actividades que pasan a ser delito e a contía da sanción coa que serán penadas. As mocidades nacionalistas informan que participar en manifestacións en espazos coma campus universitarios e hospitais será castigado con até 600.000, e convocar e participar dunha asemblea en espazo público de 100 a 600. As compañeiras e compañeiros de Galiza Nova e do BNG, que teñen paralizado desafiuzamentos, pasarán con esta lei a seren delincuentes, cando os delincuentes son os corruptos desalmados que deixan na rúa a 7 persoas cada día na Galiza afirmou Alberte Fernández, que informou que tentar impedir un desafiuzamento suporá unha sanción de 600 a 30.000.
Gravar a policía, desobediencia ás forzas do estado, ocupar unha sucursal bancaria, son outras das actividades sancionábeis, así como manifestarse perante o Parlamento Galego, o Congreso ou Senado españois ao que se estipulan até 600.000.
Legalízanse, segundo informa Galiza Nova, as listas negras de manifestantes, militantes nacionalistas, activistas, sindicalistas, feministas, estudantes, xornalistas sempre estivemos nas listas negras, pero é o colmo que agora sexan legais! afirmou Sabela Bará, para quen outro gran inconvinte son as taxas xudiciais para recorrer a sanción económica e administrativa, pois dependerá de maneira proporcional á contía da multa