O Concello pretende mercar a antiga sede de Malvar para continuar abrindo a cidade ao mar
Pontevedra, 26 de marzo de 2015. O Concello de Pontevedra está a negociar a compra da parcela de Malvar, na estrada vella de Marín. Trátase unha parcela de 5.223 metros cadrados que se sumará a outras parcelas de Costas situadas no mesmo lugar e permitirá abrir ao público unha superficie de máis de 14.000 metros cadrados que albergará un grande parque público.
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou que a Dirección Xeral de Costas leva varios meses en contacto co Concello de Pontevedra para tratar de recuperar varios terreos desta zona cuxas concesións están caducadas. En concreto, trátase da parcela máis próxima á avenida de Marín, por detrás das antigas instalacións de Malvar.
Ante esta oportunidade e ao coñecer que estaba en venta as vellas instalacións da constructora Malvar por parte da actual propietaria (o Banco Banesto-Santander), o Concello enviou a técnicos para coñecer as superficies e o estado das instalacións existentes. Ademais, o valor catastral da parcela supera os 330.000 euros, e na actualidade o propietario solicita 109.000 euros pola parcela.
Mosquera aclarou que se trata dunha grande oportunidade para o Concello adquirir esta parcela para continuar abrindo a cidade ao mar, así como para evitar futuras especulacións con este terreo que no caso de ser expropiado podería chegar a incrementar o seu valor en varios centos de miles de euros.
Aclarou o concelleiro que as construcións actuais atópanse nun elevado estado de deterioro polo que haberá que derruílas.