A gala dos Feroz celebrarase en Pontevedra o 24 de xaneiro
Pontevedra, 10 de xullo de 2025. A vindeira gala dos Feroz celebrarase en Pontevedra o 24 de Xaneiro do 2026. É a data que queda fixada no calendario, confirmada pola presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, María Guerra, durante a súa comparecencia co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores desde o TEA (Tenerife Espazo Artístico), espazo que acolle o Festival “Lo que viene”, organizado pola asociación.
O anuncio da data non chega en solitario, faino da man tamén doutro anuncio de relevancia, como é a confirmación da primeira presentadora que participará na gala pontevedresa: Samantha Hudson. É o primeiro dos catro nomes que o pública poderá ver no escenario.
Lores explicou que o obxectivo común e realizar unha gala aínda mellor ca do ano pasado, que gozou dun éxito superlativo, tal e como sinalan as cifras que compartiu María Guerra, con máis de 1.000 persoas convidadas durante a cerimonia, e unhas 1.100 persoas de público no Pazo da Cultura.
O alcalde de Pontevedra destacou a boa relación que a organización dos premios mantén coa cidade, que viu as actividades culturais previas á gala cheas de xente, amosando a disposición da cidade a gozar do audiovisual en todas as súas formas. Ademais, o alcalde lembrou que “nada acontece por casualidade nesta cidade”, logo de quince días nos que por Pontevedra viviu un Mundial de Multisport, o concerto de Jennifer López, estivo presente en Tenerife no pistoletazo de saída dos Feroz 2026 e está ás portas do comezo do BigSound.
A actriz e cantante Samantha Hudson amosou a súa ilusión por participar nesta cerimonia, lembrando que foi nos Feroz a primeira vez que puido participar nunha alfombra vermella, ao tempo que explicou que xa pasou pola cidade de Pontevedra alá polo ano 2019, sinalando que está “encantada” de regresar a unha cidade “romántica e agradábel”.