A Fracha, escenario de luxo para o Campionato Galego de Descenso (BTT)
Pontevedra, 18 de setembro de 2025. O parque forestal da Fracha será o escenario do Campionato de Galiza de Descenso (BTT) o domingo 21, un evento que se consolida como a proba “máis importante do calendario galego” da súa tipoloxía. A proba terá o seu inicio oficial 9.15 horas, coa final fixada para as 12.00 horas, e será a primeira vez que unha proba destas características será retransmitida en directo pola TVG.
O evento non só ten unha gran relevancia deportiva, senón que tamén busca poñer en valor o monte galego, combinando deporte, natureza e o mantemento dos espazos forestais. A edil de Deportes, Anabel Gulías, cualificou a proba como “unha das máis queridas, agardadas e emblemáticas” do municipio, subliñando que se desenvolve nun dos “parques forestais máis emblemáticos de Pontevedra grazas a unha estreita colaboración coa Comunidade de Montes, que é unha parte indispensable desta proba”.
Un dos principais impulsores do evento, David Amor, destacou que este proxecto “trascende máis alá do deporte en si mesmo”, xa que busca fomentar o aprecio e o coidado dos montes, un “tesouro que necesitamos empezar a coidar”. Amor fixo un chamamento á cidadanía para que acuda á Fracha a gozar do espectáculo, afirmando que “se nós non apoiamos as cousas, todo morre”, lembrando que a sociedade debe formar parte dos eventos que ela mesma impulsa.
A organización ten a vista posta no futuro, coa ambición de que a proba alcance a categoría internacional nun prazo de dous ou tres anos. Mentres, convídase a toda a cidadanía a achegarse esta fin de semana á Fracha para gozar dunha “festa” e dunha modalidade ciclista espectacular.