ILLA DO COVO, 4,5 E 6 DE XULLO
O Festival Senda amosará durante tres días as vertentes máis vangardistas da música electrónica
Pontevedra, 3 de xullo de 2025. O Festival SENDA presenta esta fin de semana en Pontevedra tres días de programación adicados ás vertentes mais vangardistas da música electrónica. Ao longo dos días 4, 5 e 6 de xullo, a Illa do Covo será un escenario privilexiado dun festival que amplía a súa duración e continúa a medrar
Tal e como indican desde a súa organización, comandada por José González ‘Certain People’, un dos picadiscos consagrados na cidade, o SENDA prosegue o seu camiño, “sen mudar os seus valores fundacionais: identidade, comunidade, diversidade, cultura e natureza, nun entorno amable, mantendo un formato de evento sostible e íntimo”.
Para esta cuarta edición, a cita musical presenta unha sólida programación que combinará o mellor do talento local, estatal e internacional ao redor da música electrónica e de clube. Diversas sensibilidades melódicas, que poñen o foco en artistas emerxentes e outros de maior traxectoria. Os que están escribindo o presente da electrónica de baile e os que están chamados a facelo nun futuro inminente.
SENDA está organizado polo Concello de Pontevedra coa produción de Certain Music Events, amosándose como un dos ciclos principais do programa das Festas do Verán 2025.
O escenario e demais servizos ao redor da cita estarán situados na mesma zona que acolle o festival Surfing the Lérez.