A ‘Festa da Lingua’ promete diversión a esgalla
Pontevedra, 13 de maio de 2024. «Queremos facer unha celebración do 17 de maio de maneira lúdica. Queremos pasalo ben e facelo no noso idioma, celebrándoo», indicou o edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, na presentación da Festa da Lingua, unha actividade de dous días enmarcada dentro da programación de “Maio, mes da lingua”, organizada polo Centro Social A Pedreira, en colaboración co concello.
Borxa Mexuto, en representación do colectivo da Pedreira, repasou polo miúdo o programa previsto para o vindeiro venres. «Queremos reivindicar un compromiso do asociacionismo pontevedrés que se esforza día a día, os 365 días do ano, en transmitir a lingua, en coidala e en defendela», indicou. «Este ano poñeremos a atención, se cabe máis que nunca, nas novas xeracións, no esforzo que debemos facer como sociedade para que a lingua galega se transmita e teña así mil primaveras máis».
Todas as actividades incluídas no programa son abertas, de balde e para todos os públicos. No primeiro día de actividades, o mesmo 17 de maio, a veciñanza poderá gozar da banda de gaitas Polavila, que percorrerá o rueiro da cidade a partir das 20.30 horas. Ademais, na Praza da Pedreira, ás 21.00 horas, actuarán Os Vacalouras e Catuxa Salom.
O sábado, 18 de maio, a rúa Serra vivirá unha xornada emocionante, con xogos populares da man de Sororas desde as 11.00 horas; a animación recoñecida de Peter Punk e o seu espectáculo Peor Impossivel (ás 12.00 horas), e a banda de gaitas Foula.
Xantar popular
O xantar popular do sábado 18 ten previsto o seu comezo ás 14.30 horas (as crianzas poderán gozar desta actividade de balde, os adolescentes por un prezo de 10 euros e os que teñen 17 ou máis anos, por un prezo de 15 euros), mentres que as reservas poden ser xestionadas no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 601 981 288.