Fernando Pintos e Polo Correo do Vento, premios Cidade de Pontevedra no 2025
Pontevedra, 13 de xaneiro de 2026. A Boa Vila homenaxeará o vindeiro 20 de xaneiro, San Sebastián, a Fernando Pintos e a Polo Correo do Vento, gañadores dos Premios Cidade de Pontevedra 2025 nas categorias de persoa física e persoa xurídica, respectivamente.
Fernando Pintos exerceu como presidente da Comunidade de Montes de Salcedo até o pasado ano. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez destacou a súa figura como un defensor incansábel dos dereitos do monte e da parroquia, un home que loitou contra as expropiacións de facto do monte comunal e que velou sempre polo patrimonio histórico, etnográfico e cultural desta parroquia.
Doutra banda, Polo Correo do Vento vén amosando desde a súa creación unha excelencia artística recoñecida e recoñecíbel, así como un compromiso coa cultura galega e pontevesresa. Gómez expresou o seu orgullo por este proxecto nado en Pontevedra, que destaca pola súa capacidade creativa excepcional e polo seu foco no público infantil con materiais de extraordinaria calidade.
A distinción recoñece o labor de Polo Correo do Vento na defensa e recuperación da cultura e o patrimonio galego. Este proxecto, impulsado por Quique Mauricio e Carlos Taboada, recibe o galardón nun momento especialmente emotivo após recente falecemento de Taboada. Gómez cualificou esta perda como "inmensa para a cultura galega e pontevedresa" e sinalou que para o Concello é un orgullo e unha honra poder outorgar este premio neste ano.
Cómpre lembrar que o xurado dos premios Cidade de Pontevedra está integrado por representantes dos tres grupos políticos da corporación, así como de entidades veciñais, de sectores sociais e dos medios de comunicación.
A cerimonia de entrega dos premios Cidade de Pontevedra levarase a cabo o vindeiro martes, día 20 de xaneiro, na Casa Consistorial, ás 13.00h.