PRAZA DE OURENSE ATÉ O 21 DE OUTUBRO
Pontevedra acolle a exposición itinerante "50 anos coidando a terra", que conmemora o médio século de ADEGA
Pontevedra, 10 de outubro de 2025. Chegou á praza de Ourense de Pontevedra a exposición itinerante que conmemora o médio século de existencia da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), organización decana e de referencia do ecoloxismo galego.
“50 anos coidando a terra” foi realizada grazas ao apoio da Deputación provincial da Coruña e a colaboración de socias e simpatizantes que axudaron a configurar os textos e a dotar a mostra de imaxes. A iniciativa enmárcase nunha xeira de actividades conmemorativas que ADEGA desenvolverá ata finais de ano por todo o territorio galego co obxectivo de poñer en valor a traxectoria da propia organización, mais sobre todo daqueles fitos e loitas ecoloxistas que marcaron o devir presente e futuro do noso pobo e da nosa terra, así como reivindicar a importancia que tivo e ten o movemento na actual configuración do noso territorio, e favorecer o coñecemento e o activismo ambientalista entre as xeracións máis novas.
No acto de inauguración participou o alcalde de Pontevedra, que lembrou a súa militancia xa de novo en ADEGA, así como que o seu primeiro pase polo “cuartelillo” da Garda Civil foi precisamente por colar cartaces de ADEGA contra a presenza de ELNOSA-CELULOSA na ría de Pontevedra. Lores recoñeceu que se sinte “moi unido” a ADEGA, pois “ao longo de toda a miña vida o ecoloxismo e a defensa da terra foron elementos que configuraron o meu pensamento e o meu sentir”.
Pola súa banda, María R. Lafuente, vicesecretaria xeral de ADEGA, encargouse de presentar o acto e agracedeu á presenza das persoas e institucións e entidades colaboradoras así como ás socias e socios de ADEGA sen os cales non se podería exercer o labor inxente na defensa da terra que desenvolveu a organización ao longo deste tempo. Apelou á importancia de lembrar o pasado para poder afrontar o futuro con maior coñecemento e sabendo de onde vimos. O acto rematou cunha visita guiada á exposición de man de Fins Eirexas.
“50 anos coidando a terra”: Exposición exterior e itinerante
A mostra exterior conta con 16 paneis distribuídos en 4 tótem cúbicos expositivos, acompañados de varios bidóns que simulan ser radioactivos e que evocan a confrontación do pobo galego contra os vertidos de residuos nucleares na Foxa altántica, unha das loitas ecoloxistas galegas que maior repercusión tivo dentro e fóra das nosas fronteiras. Os contidos escollidos por ADEGA para retratar os seus 50 anos mesturan o relato histórico evolutivo da Asociación e as diferentes e múltiples ameazas ambientais que sufriu e sofre o noso país nas últimas cinco décadas.
A mostra lembra algúns dos logros máis relevantes de ADEGA e da mobilización social na defensa da terra, como o freo aos grandes encoros do Sela ou do Navia, a central nuclear de Xove, ou a prohibición dos vertidos radioactivos no mar galego; mais tamén, aqueles capítulos da historia reivindicativa de Galiza que, aínda non rematando en vitoria, supuxeron unha forte demostración de dignidade e de amor do pobo galego pola súa terra, como foi o caso de Baldaio, das Encrobas, ou do Prestige, convertidos hoxe en iconos de referencia do ecoloxismo galego.
A exposición tamén aborda boa parte das ameazas do noso territorio contra as que actualmente está a lidiar ADEGA, xunto con organizacións ecoloxistas e sociais do país, como son a incineración de residuos, a eucaliptización, os lumes forestais, a explotación colonial e depredadora dos recursos enerxéticos e mineiros. Tamén sinala algúns dos proxectos industriais que nas últimas décadas destruiron boa parte do noso patrimonio natural e supuxeron un grande foco de contaminación, como as térmicas, Ence ou Alcoa, e aqueles que hoxe en día constitúen unha preocupante ameaza de futuro, como é o caso da macrocelulosa de Altri ou da mina de Touro.
A proposta expositiva tamén amosa o papel pioneiro de ADEGA no ámbito da divulgación, voluntariado e educación ambiental de Galiza e de todo o Estado, destacando algúns dos seus proxectos máis emblemáticos (Proxecto Ríos, Cerna, Eira da Xoana ou compostaxe caseira e comunitaria).
As persoas que visiten a exposición, que estará na praza de Ourense até o 21 de outubro, poderán consultar unha liña de tempo de máis dun cento de fitos históricos conseguidos nos últimos 50 anos grazas á organización ecoloxista ADEGA e, en xeral, ao movemento social galego na defensa da terra.