PARTICIPARON MÁIS DE 3000 NENOS E NENAS
Éxito do Salón do Libro de Pontevedra na primeira fin de semana de apertura
Pontevedra, 9 de marzo de 2026. Superada a primeira fin de semana do Salón a organización destaca a boa acollida e valoración das actividades por parte do público. Desde a apertura de portas o pasado venres, co espectáculo de Píscore o Coro do IES A Xunqueira 1, os máis de 3.000 nenos, nenas e familias gozaron da numerosa e variada programación.
Na xornada do sábado cabe destacar a estrea do espectáculo ‘A contratempo’ do Premio Nacional de Circo 2025, Pistacatro que deixou abraiadas ás 500 persoas asistentes. Unha proposta de teatro – circo en formato cabaret no que os números aéreos, acrobacias, malabares, rueda cyr, etc. non só se presentan como exhibición de habilidades, senón como parte dunha dramaturxia que reivindica o circo tradicional e a súa evolución ata hoxe.
Na parte musical, a rapazada gozou coa estrea de ‘Pequechadas musicais’ de V de minúscula que contou cunha actuación estelar de Orbil, pero sen dúbida os protagonistas da tarde foron os nenos e nenas dos coros Luis García Limeses e CMUS Manuel Quiroga con Raúl Rodríguez ao Piano e Dana Rey e Lourdes Olbés nos violíns. O seu concerto ‘Cancións pola paz’, conseguíu ateigar o Salón de Actos.
Durante toda a fin de semana estivo presente no Salón a ONG Creart coa súa instalación ‘Enlázate a Gaza’ e varias sesións do obradoiros de Chené Gómez ‘Un lugar posible’ onde a rapazada participante creou con papeis de cores estruturas seguras e fermosas pensando na cativada palestina que sobrevive en lugares que distan moito diso. Un espazo conceptual onde proxectar emocións, ideas e desexos e construír colectivamente “a paz”.
Tamén sobre Palestina a proposta de Colectivo Xurelo “Desde o río ata o mar: Contos por Palestina” con historias baseadas na obra da escritora Ana Cabaleiro ‘Xa vemos palmeiras’ contadas por Kike Mauricio con música de Marcelo Dobode e ilustracións de Tania Solla. Pola tarde, Mauricio e Dobode, xunto a Antón Ke guiaron un “Paseo pola Pontevedra lorquiana’ onde as persoas asistentes puideron escoitar os poemas galegos do poeta granadino en forma de canción.
Como ben sendo habitual os obradoiros de cociña, tiveron excelente acollida. As rapazas de Reviravolta axudaron á cativada na preparación de doces palestinos: Mabrooshe con masa relada e marmelada de mazá e canela o sábado e Fateera ou Kellak o domingo.
A xornada do domingo, 8M contou con programación especial con ‘Os contos de Violeta’, de Bea Campos e Alicia Otero, ‘Que música é’ da ilustradora e música Laura Romero ou os ‘Contos (en) cantados’ de As Toupeiras. A organización preparou tamén unha selección de libros de temática feminista e celebrou unha pequena concentración dentro da Sala.
Tamén tivo lugar a estrea do espectáculo ‘Lala e Lolo van ao circo’ de Mara Iglesias e Manuel Alvariñas con 3 pases para bebés ao longo o día e un obradoiro de bordado para cativada da man da creadora do cartel desta edición, Maritza Berttolini.
A xornada rematou por todo o alto co espectáculo exclusivo de maxia e música ‘Concerto de imposibles’ que contou con Nacho Samena, Lola Mento, Luigi Ludus e Sara Rodríguez, conducido polo Mago Paco.