A visita de miles de persoas consolidan Etiqueta Negra como un dos eventos máis importantes do calendario feiral galego
Miles de persoas visitaron Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, que tivo lugar entre o 11 e o 13 de novembro do recinto feiral de Pontevedra, consolidándoa como un dos máis importantes e populares eventos no calendario feiral galego.
Nesta edición cómpre destacar tanto o aumento de público xeral e profesional como a presenza de máis de 80 produtores, 26 deles novos, que apostaron por Etiqueta Negra como escaparate para dar a coñecer os seus produtos. Corredores cheos de persoas foi a tónica xeral durante os tres días de celebración.
Talleres e catas especiais no Espazo Etiqueta, degustacións na Zona de Catas e na Viñoteca, espectáculos e cociña en directo no Anfiteatro... A actividade non cesou nestes espazos que funcionaron de forma simultánea colgando o cartel de completo en todas as actividades desenvolvidas neles.
Igualmente, máis de 1.000 alumnos e alumnas de centros de ensino de hostalería, restauración, dietética e nutrición, cociña... de toda Galicia –futuros profesionais do sector– asistiron á última xornada da feira para coñecer de primeira man as calidades dos produtos expostos.
Por outra banda, expositores e distribuidores mantiveron intercambios comerciais no Punto de Encontro Profesional no que se celebraron máis de 150 reunións de traballo. Nestas cifras están sen contabilizar os centos de reunións que os produtores mantiveron nos seus propios stands cos profesionais acreditados e cos responsables de compras das grandes superficies comerciais. Esta zona cedeuse aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 500 tendas gourmet, 300 distribuidores de alimentación e bebidas, 350 establecementos hostaleiros, así como 200 hoteis, pazos e casas rurais.
Tamén cómpre sinalar o alto grao de satisfacción dos máis de 80 expositores presentes nesta edición. Moitos deles manifestaron que o primeiro día xa cumpriran as súas expectativas de venda e, de feito, tiveron que volver ás súas sedes loxísticas para repoñer mercadoría.
Miguel Anxo Fernández Lores mostrou o seu orgullo de que Pontevedra fose durante estes tres días o centro do gourmet galego e que houbese 80 expositores que representan a potencia dun rural produtivo, da calidade excepcional dos produtos primarios, da innovación e do traballo”.