ERGUER ESTIMA EN CASE UN 80% O SEGUIMENTO DA FOLGA NA COMARCA

O estudantado para para esixir unha vivenda digna

O estudantado para para esixir unha vivenda digna

A organización Erguer. Estudantes da Galiza convocou unha folga estudantil o pasado mércores 2 de outubro como culmen da súa campaña “O estudantado polo dereito á vivenda”. En Pontevedra, ademais, concentraronse na Praza da Peregrina ás 12h.

Segundo explican as estudantes, esta folga responde a unha situación insostible na que se está especulando cun ben de primeira necesidade, cun dereito como é a vivenda. Os prezos dos alugueres están disparados en todas as cidades do país, as mesmas cidades que albergan a maior parte de oferta en Formación Profesional e o 100% da oferta de formación Universitaria do país.

“Por iso, hoxe facemos un chamamento a toda a mocidade galega para que se organice e loite polos seus dereitos. A educación pública de calidade e o acceso á vivenda digna non son privilexios, son dereitos polos que cómpre loitar. Non imos permitir que nos neguen un futuro digno!”, defendeu Alba Quiroga, responsable de Erguer na comarca de Pontevedra, encargada de ler o manifesto da organización na cidade do Lérez.

Entre as reivindicacións que se fixeron dende a Praza da Peregrina están: 

  • A creación dunha bolsa de vivenda pública con alugueiros a prezos populares para o estudantado.
  • A regulación dos prezos do aluguer, freando os abusos especulativos. Erguer esixiu que se empreguen todas as medidas para evitar que os prezos sigan subindo de forma descontrolada especialmente nas cidades turísticas.
  • O aumento de prazas en residencias públicas estudantís para que podan ser unha alternativa real ao aluguer, así como a mellora das infraestruturas das actuais residencias, asegurando que as estudantes poidan vivir en condicións dignas.

Entre berros de “A vivenda é un dereito, non un privilexio”, “Queremos estudar, nas nosas vivendas” ou “Rueda, escoita, o estudantado está en loita”, decorreu unha mobilización que, pese a chuvia, quixeron deixar claro que seguirán pelexando polos seus dereitos.

O estudantado para para esixir unha vivenda digna