Esiximos unha AP-9 galega e sen peaxes
O deputado do BNG Luís Bará, nunha Casa da Luz ateigada, expuxo as razóns que nos levan a reclamar a transferencia inmediata da AP-9 para Galiza e a supresión das peaxes.
O Bloque Nacionalista Galego organizou un acto público na noitiña do luns 21 de novembro no que tomaron a palabra a Responsábel Comarcal, Eva Vilaverde, e o deputado Luís Bará.
O deputado nacionalista fixo un repaso polo agravio á Galiza que supón o estado actual da AP-9 en mans de fondos de investimento estranxeiros, nomeadamente “aquel que se fai chamar Corsario e que ten o nome moi acaído para a súa actividade na Galiza”.
Luís Bará non esqueceu denunciar o desprezo do goberno de Madrid con Galiza que se “nega até a debater a transferencia desta infraestrutura mentres dispoñen de 6.000.000.000 € para rescatar as autoestradas madrileñas”.
A actual situación da AP-9 fai que sexa case a máis cara de todo o estado e que “a día de hoxe, sexa ben máis caro ir de Vigo a Ferrol que de Vigo a Madrid: precisamos un goberno que queira atender ás necesidades do país”.
Fronte a esta situación, Bará tildou a Feijoo como “un exemplo de político servil máis preocupado de non molestar a Madrid que de gobernar Galiza como se merece”.
Eva Vilaverde centrou a súa intervención na descrición da campaña que está a desenvolver o BNG para reclamar que a autoestrada sexa unha infraestrutura controlada polo goberno galego e sen peaxes. Xunto ás iniciativas parlamentares que xa se cumplimentaron, os repartos de información nas rúas e os actos políticos, ela fixo fincapé na convocatoria para pagar a peaxe este sábado con céntimos e anunciou que o Bloque vai presentar mocións nos concellos da comarca reclamando os obxectivos desta campaña.