Escolares de toda a comarca enchen o Botánico de Caldas coas visitas guiadas organizadas polo Concello

Escolares de toda a comarca enchen o Botánico de Caldas coas visitas guiadas organizadas polo Concello

Calda, 18 de xuño de 2026. Escolares de toda a comarca están a encher o Botánico de Caldas coas visitas guiadas organizadas polo Concello. O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que os centros de ensino están a amosar un grande interese por aproveitar a parte didáctica do espazo natural agora que xa está rehabilitado e loce en todo o seu esplendor. Mañá xuntaranse no Botánico varios grupos do CPI Alfonso VII, que serán os últimos en visitalo de forma organizada neste curso, xa que é o último día de clases. Os colexios interesados xa poden concertar a súa visita para despois do verán.

O tenente de alcalde Manuel Fariña subliña que dende a apertura oficial do Botánico a finais do pasado mes de maio foron moitos os grupos de colexios, tanto do propio concello como de municipios veciños, que acudiron a coñecer a historia e as árbores senlleiras. Subliña que os percorridos polo espazo natural están guiados pola informadora turística do Concello coa colaboración do propio responsable municipal, converténdose nunha actividade educativa de grande interese para o alumnado de todas as idades, dende Educación Infantil até a ESO.

Fariña explica que durante as visitas, as nenas e nenos descobren a orixe do Xardín Botánico, creado a finais do século XIX como un espazo singular asociado ao desenvolvemento termal de Caldas grazas ao deseño do enxeñeiro agrónomo Francisco Alcarraz, unha das figuras máis destacadas da divulgación agrícola e forestal daquela época. 

O nacionalista explica que un dos aspectos que máis chama a atención das e dos escolares é a posibilidade de realizar unha auténtica viaxe polos cinco continentes sen saír de Caldas, xa que o Botánico reúne especies procedentes de diferentes partes do mundo. Outro dos puntos fortes do percorrido son as árbores senlleiras e exemplares singulares, entre as que destacan a araucaria do Brasil, o cedro do Líbano, as criptomerias xaponesas ou os tulipeiros americanos, especies que sorprenden pola súa antigüidade, tamaño e valor botánico, así como os exemplares do parque dos Choróns.  A visita complétase coa Carballeira, un dos espazos máis emblemáticos da vila, onde as e os escolares descobren a importancia ecolóxica dos bosques autóctonos galegos. O alumnado aprende tamén que moitas desas árbores forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, converténdose en auténticos monumentos vivos.

“Estamos a comprobar que os centros educativos valoran moito a posibilidade de contar cun recurso didáctico destas características. O Botánico permite traballar ciencias naturais, historia, patrimonio, medio ambiente e identidade local nunha contorna privilexiada e dunha maneira moi atractiva para a rapazada”, destaca Fariña.

O Concello lembra que os centros interesados  poden reservar as súas visitas para o vindeiro curso escolar 26/27. O obxectivo do goberno local é consolidar o Botánico e a Carballeira como un dos grandes recursos educativos ao aire libre da comarca “aproveitando o potencial dun espazo único que combina natureza, historia e divulgación científica”.

Escolares de toda a comarca enchen o Botánico de Caldas coas visitas guiadas organizadas polo Concello