Ernesto Filgueira insta a Cubela a reconsiderar o Plan especial de Infraestruturas e Dotacións nas proximidades das piscinas fluviais de Cerdedo, e aposte por un proxecto máis respetuoso co medio natural e a veciñanza
Cerdedo-Cotobade, 29 de novembro de 2023. O pasado 29 de agosto, publicouse o DOG o Plan de Infraestruturas e Dotacións para a ordenación da zona verde EL/ZV-30, próxima ás piscinas fluviais de Cerdedo, un plan que o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira non dubida en calificar de “desmesurado e fóra de lugar”.
Filgueira afirmou nunha reunión coa veciñanza de Cerdedo, que se trata dun proxecto “pouco definido, escasamente explicado e menos aínda xustificado” para unha zona anegable, tal e como se demostrou o pasado mes de outubro.
Nas alegacións presentadas, en tempo e forma, polo BNG faciase fincapé en varios aspectos fundamentais. O primeiro deles é a ausencia dun estudo económico serio e rigoroso, que contemple un plan de mantemento das instalacións e a viabilidade económica das mesmas.
O segundo, que a actuación suporía de facto a privatización dun espazo público que é utilizado todo o ano pola veciñanza da comarca e arredores.
Un terceiro aspecto a salientar é que o proxecto non ten en conta a Estratexia da Biodiversidade da Unión Europea que contempla “deter en 2020 a perda de biodiversidade e a degradación dos servizos ecosistémicos da Unión Europea, e restauralos na medida do posíbel, incrementando ao mesmo tempo a contribución da UE á loita contra a perda de biodiversidade mundial”.
Salientar tamén a deficiente avaliación da proposta en termos ecolóxicos e económicos. Céntrase o plan unicamente nos meses de verán, sacrificando terreo fértil e produtivo de interese agropecuario e ambiental que pasaría a ser zona de aparcamento cimentado de uso temporal. Tampouco hai na proposta avaliación axeitada da afectacción a hábitats e especies de interese comunitario nin ás especies incluídas no catálogo galego de especies ameazadas.
Carece ademais, afirma Filgueira, dun “estudo digno de tal nome do ciclo da auga da zona afectada e as súas posíbeis afectaccións a captacións de auga de uso humano e animal, infraestruturas, etc. “.
Por estas e outras razóns, o BNG rexeita o proxecto proposto e aposta por un novo deseño que contemple de xeito holístico, as particularidades socioculturais da comarca, evitando grandes obras e trazados artificiais que perturben a gran riqueza paisaxística e ambiental da zona afectada.
“Animamos ao goberno municipal de Cerdedo-Cotobade a impulsar un novo proxecto respetuoso co medio ambiente e que teña en conta a veciñanza que o habita”, afirmou o portavoz do BNG.