Ernesto Filgueira demanda melloras de seguranza viaria nas travesías de Vilanova, A Xesteira e As Lagoas
O BNG de Cerdedo-Cotobade ven de presentar unha moción que será debatida no Pleno de final de mes para a mellora da seguranza viaria na estrada PO-233, unha das principais vias de comunicación que atravesa o concello.
Esta vía presenta deficiencias en seguridade viaria que teñen que ver coa situación de perigosidade peonil existente ao seu paso polos lugares de Vilanova (Tenorio), A Xesteira (Almofrei) e As Lagoas (Borela).
O BNG considera que nestas travesías deben incorporarse medidas que contribúan ao calmado do tráfico, beirarrúas e paso de peóns regulados por semáforos intelixentes, co obxectivo de humanizar e mellorar a seguridade da veciñanza que vive nas inmediacións desta estrada dependente da Xunta
O BNG solicita un Carril-bici na estrada de Carballedo, desde a rotonda de Ponte Bora até o concello de A Lama
Asemade, o portavoz do BNG, Ernesto Filgueira, insiste na urxencia de construír un carril-bici dende a rotonda de Ponte-Bora até o termo municipal da Lama a fin de garantir a seguridade entre conductores e ciclistas ao longo do total da vía PO-233 e da PO-234, xa que resulta ser un paso recurrente para un gran número de ciclistas que veñen a desfrutar da riqueza natural de Cotobade.
Crear un vial propio para ciclistas, non só mellorará a seguranza deste colectivo, senón que tamén sería un importante activo para atraer novos deportistas ao termo municipal, o que redundaría nun maior consumo na hostelaría local e no desenvolvemento turístico.
Por iso o BNG, a través do seu portavoz municipal, Ernesto Filgueira, reclamará do pleno o apoio a esta moción para instar á Axencia Galega de Infraestructuras da Consellería de Infraestructura e Mobilidade da Xunta de Galiza a actuar nestas vías e a acometer melloras a fin de alcanzar equilibrios de seguranza viaria tanto para a veciñanza como para condutores e ciclistas.