A Deputación distingue co "Selo Revitaliza" aos restaurantes que composten de maneira responsábel
A Deputación de Pontevedra distinguirá co ‘selo Revitaliza’ aos restaurantes da provincia que composten de maneira responsable os seus residuos orgánicos, tal e como o indicou o vicepresidente César Mosquera, quen subliñou que o distintivo pretende ser un recoñecemento aos negocios que teñen un compromiso coa compostaxe e co medio ambiente no seu facer diario.
O noso compañeiro subliñou que son moitos os establecementos de hostelería que se incorporaron ao Revitaliza dentro dos concellos que están adheridos, polo que se pensou en facer o distintivo de compostaxe responsable porque “todo o que se lle poida engadir de valor natural e ecolóxico súmalle á súa marca en positivo”, indicou.
“Queríamos que chegara un momento no que puideramos transmitir de maneira seria que hai restaurantes que fan economía circular, que compostan os seus residuos, que teñen produtos abonados naturalmente que ofrecer no restaurante e que están aforrando unha cantidade de emisións de CO2 absolutamente enorme”, explicou, asegurando que os establecementos que compostan reducen as emisións a menos da metade en relación a mandalo a Sogama. “Iso haino que ter en conta nesta semana do Clima e da Emerxencia Climática”, apuntou.
Así, Mosquera anunciou que os restaurantes que teñan un “excelente en compostaxe” poderán lucir nas súas portas os anagramas do Revitaliza, e tamén o distintivo personalizado, tal e como se fai con outras redes de calidade (Michelín, Tripadvisor...). Nesta primeira fase, de entre os 120 restaurantes que están a participar no Revitaliza fíxose unha escolma dos que hai “certificado e comprobado que se adheriron e que o mestre composteiro da zona informa que cumple coas determinacións, porque que un restaurante composte un pouco e o resto o leve a Sogama non valería, ten que ter condicións”, dixo. Agora mesmo, pasada a criba, hai 50 que cumplen e terán o distintivo xenérico e o personalizado. Un deles é o restaurante Michelín ‘Culler de Pau’, do chef Javier Olleros, que deu o pistoletazo de saída e apadriña esta iniciativa provincial.