O deporte vibra en Pontevedra
Pontevedra 12 de abril 2024. O Concello de Pontevedra é un referente nacional no apoio ao deporte e na concepción deste como un recurso para a saúde e a economía da cidade. Entre as múltiples actividades que se desnvolven todas as semana podemos salientar dous eventos que terán lugar proximamente
Proba ciclista Costa Atlántica MTB
A proba ciclista Costa Atlántica MTB xuntará este fin de semana a 250 inscritos nesta edición, case duplicando á anterior. Trátase dunha competición por etapas de bicicleta de montaña onde os participantes gozarán de 3 etapas distintas: unha crono nocturna e dúas etapas maratón.
Desde a organización da proba agradecéronlle ao Concello de Pontevedra o seu apoio á hora de poñer en marcha esta proba e sinalou que esta será unha proba de tres días “que percorrerá varios municipios da comarca de Pontevedra” e que contará cun circuíto “espectacular”, combinando zonas urbanas e rurais.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, deulle os seus parabéns a Global DXT por levar a bo porto esta Costa Atlántica MTB, e por lograr xa non só apoio das institucións públicas, senón tamén lograr o apoio de “tantos patrocinadores privados”. “Temos que seguir explotando o turismo deportivo. O deporte é un recurso nesta cidade e así o cremos no Concello de Pontevedra. É un recurso económico fundamental, Alén dos seus beneficios para a saúde”, explicou.
Campionato de España Infantil e Xuvenil de baloncesto
Apenas algo menos de dous meses separan a Pontevedra da celebración do Campionato de España Infantil Feminino de baloncesto, todo un acontecemento dentro desta disciplina deportiva, que encherá o Pavillón da Xunqueira e o Pavillón Municipal, entre o 2 e o 8 de xuño.
Trátase dunha cita de grande envergadura, xa que se estima que achegue até a cidade a preto de 2.000 persoas, ao participar 32 equipos en total, e máis de 600 xogadoras, que virán acompañadas do seu corpo técnico, familiares e seareiros chegados de toda a península.
Na práctica, o evento funcionará como unha gran festa do baloncesto para a que Pontevedra “fará un esforzo co obxectivo de visibilizar o deporte e máis en concreto o deporte feminino”, comentou o rexedor. “Non é un gasto, que quede claro, é un investimento na promoción dunha practica saudábel, coa que aprender ademais o valor do esforzo colectivo e individual. Por suposto, ademais, e xa o temos comentado en varias ocasións, está a parte turística e económica, a de achegar xente que consumirá e vivirá na Boa Vila durante varios días”.
A adestradora pontevedresa, Mayte Méndez lembrou que Pontevedra “conta cunha estrutura idónea para acoller este tipo de competicións”, e conta con seguir programando e apoiando citas deste tipo no futuro, tempada a tempada.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega, Julio Bernárdez, transmitiu a súa felicidade de poder contar no país e en Pontevedra cun campionato destas características, ao tempo que valorou moi positivamente as características da cidade e o seu amor polo baloncesto feminino.