Declaración Institucional do Concello de Pontevedra con motivo do 25-N
A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM) foi honrada este ano polo Concello de Pontevedra co encargo de elaborar o manifesto institucional do Día Internacional pola erradicación da violencia contra as Mulleres. Entendemos esta distinción, ao igual que o Premio Meninas 2022, que nos foi concedido pola Delegación do Goberno en Galicia como un recoñecemento do traballo das e dos profesionais dos Centros de Información á Muller de Galicia na loita activa pola igualdade e o labor que desenvolvemos na reivindicación e defensa dos centros e do seu persoal contribuíndo “a que a cidadanía coñeza o seu traballo e aumente a súa sensibilidade cara as cuestións de igualdade e de prevención da violencia machista”.
Vaia esta honra dedicada ás profesionais dos CIM que traballan día a día de forma calada e discreta para mellorar a situación das vítimas e de todas aquelas mulleres en situación de vulnerabilidade, a todas as compañeiras que creron necesaria fundar esta asociación profesional para defender os nosos dereitos, que redundan no beneficio das mulleres e a todas as vítimas porque para elas traballamos e son a nosa razón de ser.
O 25 de novembro, Día Internacional pola erradicación da violencia contra as mulleres, ten que ser unha data de compromiso dos gobernos, as organizacións sociais e da cidadanía en xeral fronte o grave problema que constitúe a violencia machista. É pois, unha data para a denuncia activa de toda a sociedade, unida, en contra da violencia que se exerce contra as mulleres polo feito de ser mulleres.
Por iso hai que implicar ao conxunto da cidadanía, trasladarlle información clara e actualizada, corresponsabilizala e que se sinta interpelada, xa que se trata dun grave problema de carácter cultural, imbricado nos valores sociais existentes e con carácter estrutural, que ten as orixes nas relacións de poder historicamente desiguais entre homes e mulleres e que polo tanto precisa de medidas artelladas desde a propia sociedade.
O papel que teñen os concellos é fundamental, pois desde eles pódese garantir directamente a atención ás vítimas, o acceso aos recursos dispoñibles, a actuación coordinada e áxil ante situacións deste tipo e, moi importante, a prevención da violencia a través da concienciación cidadá e da educación. Educación que resulta imprescindible fronte o alarmante aumento das violencias machistas entre a mocidade, alimentado pola constante hipersexualización e cousificación do corpo das mulleres, a cultura da violación, o fácil acceso á pornografía, os mitos do amor romántico e a difusión a través das redes sociais. A suma de todo isto contribúe a crear relacións violentas a idades temperás, e a educación en igualdade é a mellor e máis eficaz ferramenta da que dispoñemos para frealo.
Este compromiso e implicación de institucións e cidadanía é imprescindible á vista das denuncias presentadas e dos casos agochados de violencia que, en moitas ocasións, acaban coa vida das mulleres a mans das súas parellas ou ex parellas. No que levamos de ano, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero no noso país ascende a 52, a 1237 desde 2003, e o de menores asasinados por violencia vicaria a 50 desde o ano 2013, cando se comezaron a contabilizar. Para elas, desgraciadamente, chegamos tarde. Cada unha delas é un gran fracaso colectivo.
O compromiso e a implicación das institucións demóstranse con accións, poñendo os medios para frear esta lacra. Os CIM son os centros de referencia para a atención especializada das vítimas da violencia machista en Galicia; garantir a calidade do servizo pasa por dotalos cos recursos persoais e materiais suficientes.
Dous terzos do orzamento do Ministerio de Igualdade para a posta en marcha de leis, plans e políticas de igualdade depende dos organismos de igualdade e contra a violencia de xénero autonómicos e locais. Chamamos á responsabilidade e ao compromiso na xestión deses fondos por parte de todas as administracións implicadas.
Por todo isto, o Concello de Pontevedra declara o seu firme compromiso de traballar incansable e responsablemente na mellora das accións contra as violencias machistas a través da coordinación cos recursos sanitarios, sociais, educativos e de seguridade, así como do acceso á atención e aos recursos para as mulleres que as sofren.
Declaración lida por Rosa Campos Briones, directora do CIM de Pontevedra en representación da ASOCIM, Asociación de Profesionais de Centros de Información á Muller de Galiza