O Concello de Pontevedra substitúe os ficus de Joaquín Costa e Pintor Laxeiro por magnolias

Retirada ficus Joaquin Costa
Retirada ficus Joaquin Costa
O Concello de Pontevedra substitúe os ficus de Joaquín Costa e Pintor Laxeiro por magnolias

A Concellaría de Servizos Urbanos Básicos iniciou esta semana unha nova fase dentro do plan de xestión do arborado urbano: a retirada e substitución dos exemplares de ficus situados nas rúas Joaquín Costa e Pintor Laxeiro. A intervención afecta a 7 exemplares que, debido ás súas grandes dimensións, estaban a xerar problemas de convivencia coa veciñanza e as infraestruturas. Esta actuación busca resolver os conflitos xerados polas raíces e as copas destas árbores, garantindo espazos máis seguros e luminosos. 

A decisión de substituír estes exemplares responde a criterios técnicos e demandas da cidadanía. Os ficus son árbores de gran envergadura que non perden a folla e que, ao carecer de espazo suficiente en rúas urbanas, xeran “moitos problemas urbanos”. Entre os motivos principais para a súa substitución destacan: 

  • Falta de luminosidade e invasión de fachadas: ao teren copas moi mestas que non deixan pasar a luz e manter a folla todo o ano, “tapan a entrada da luz e pérdese moita luminosidade nas beirarrúas e nas casas durante o inverno”. Ademais, o seu crecemento descontrolado bloqueaba fiestras nos pisos baixos. 
  • Danos na vía pública: O potente sistema radicular destas especies levanta as beirarrúas, dificultando a mobilidade e a accesibilidade. 
  • Mantemento insostible: O seu gran tamaño en rúas pequenas obrigaba a realizar intervencións constantes e agresivas para conter o seu crecemento, o que non é o ideal para a saúde da árbore nin para a seguridade. 

Xaquín Moreda explicou que esta actuación dá continuidade ao programa de renovación deste arborado urbano que xa se levou a cabo con éxito en anos anteriores noutras zonas da cidade. “En exercicios precedentes, o Concello xa retirou os ficus de Salgueiriños, Rafael Dieste, Rodríguez Seoane e Losada Diéguez”, lembrou o concelleiro. 

Nestas rúas, a solución adoptada —e que se replicará agora— foi a plantación de Magnolias Kobus. Segundo explicou Moreda, a elección desta especie non é casual: “Son árbores máis acaídas para as rúas urbanas; teñen un tamaño menor, son de folla caduca, posúen raíces pouco invasivas e dan flor na primavera, aportando un maior valor estético e paisaxístico á rúa, pois vai variando a súa imaxe ao longo do ano”. 

O cambio permitirá que, durante o inverno, ao caer a folla, a luz solar chegue ás fachadas e ás vivendas, mellorando o benestar da veciñanza, mentres que na primavera e no verán achegarán sombra e cor. 

Unha campaña iniciada a finais do ano pasado 

Estes traballos de substitución enmárcanse na ampla campaña de xestión do arborado 2025-2026, iniciada a finais do ano pasado, que abrange a intervención en 561 exemplares en máis de 30 espazos da cidade. O obxectivo global é mellorar a saúde das árbores e a seguridade das persoas ante posíbeis caídas de ramas ou froitos. 

Ademais da actuación nos ficus, esta campaña incluíu a retirada de ameixeiras na rúa Virxinia Pereira (debido ás molestias causadas polos froitos e a atracción de avespas) e de castiñeiros no Colexio de Xeve, a petición do propio centro. 

Desde a Concellaría lémbrase que todas as talas e retiradas teñen un carácter de mellora urbana e que a reposición dos exemplares, como as novas magnolias, levarase a cabo na época máis propicia para o enraizamento, é dicir, a comezos da primavera. Deste xeito, garántese que Pontevedra siga a ser unha cidade verde, pero con especies axeitadas que permitan unha mellor convivencia entre a natureza e as persoas. 

O Concello de Pontevedra substitúe os ficus de Joaquín Costa e Pintor Laxeiro por magnolias