O Concello de Pontevedra presenta Segundo Premio, o mercado de venda e troco que inicia en novembro no Gorgullón e A Parda
Pontevedra, 21 de outubro de 2025. O Concello de Pontevedra, presentou unha nova iniciativa A pé de rúa, o mercado de segundas oportunidades “Segundo Premio”, que xa ten as primeiras datas planificadas para o vindeiro 15 de novembro na Parda e o 29 de novembro no Gorgullón, ambos os dous cadrando en sábado. O horario será de 11.00 da mañá a 16.00 da tarde.
A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, lembrou durante a presentación que as asociacións de veciñas e veciños se reunirán con ela en datas próximas para tratar o funcionamento do mercado. Explicou que a idea é emular o formato anglosaxón dos mercadiños de porta, e que os detalles aínda están por ver, mais se procurará un ambiente diverso e un público amplo, un entorno accesible e actividades que permitan conciliar ás familias.
A edil lembrou que é “unha xornada de convivencia no propio barrio” e unha actividade máis que se suma ás iniciativas do programa A pé de rúa, que pretende “ir un paso máis alá traballando en espazos novos” e continuar na liña do Concello de Pontevedra de promoción da responsabilidade co medio ambiente, tamén mediante o comercio de segunda man, negocios de reparación e recuperación de produtos e veciños e veciñas. “Todas temos nas casas este tipo de produtos que non utilizamos xa, o que queremos é facilitar ese troco ou venda”, engadiu a concelleira. Estes mercadiños están pensados para incentivar o uso dos espazos públicos: “O que queremos é mover este sector comercial que agroma con bastante impacto e traballar os distintos tipos de comercio para sermos unha cidade responsable”.
Baixo o lema “O que menos contamina é o que non tiras”, particulares, asociacións coma a Asociación Veciñal Eduardo Pondal e Asociación de empresarial A Parda e comercios especializados en segunda man poderanse reunir nos barrios da Parda e O Gorgullón para realizar un mercado tanto de troco como de venda de segunda man que inclúe xoguetes, mobiliario, roupa e outros artigos en bo estado. Ademais, as dúas citas estarán acompañadas de obradoiros para crianzas e ambiente para acompañar a festa durante a sesión vermú. A intención é, logo das dúas citas marcadas, replicar a iniciativa noutros lugares da Boa Vila.
En canto ao marco legal da iniciativa, Segundo premio apoiarase no formato de venda de Vinted, Wallapop e outras plataformas de xeito que as persoas participantes non dadas de alta deberán asinar unha declaración conforme son elas as responsables das súas vendas. Para inscribirse e solicitar máis información como particular, é posíbel anotarse fornecendo os datos persoais a través do enderezo electrónico apederua@gmail.com.