O Concello de Pontevedra inviste case 11.500€ en librarías locais para distribuír 800 exemplares en galego entre asociacións e centros de ensino

O Concello de Pontevedra inviste case 11.500€ en librarías locais para distribuír 800 exemplares en galego entre asociacións e centros de ensino

Pontevedra, 30 de maio de 2025. O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Cynthia Menéndez da Libraría Paz, Adriana Otero de Cronopios e Susana Álvarez de Nobel, o investimento en literatura galega que, un ano máis, o Concello levou a cabo directamente coas 17 librarías da cidade. 

“É un dos proxectos que máis ilusión nos fai na concellaría por moitos motivos. En primeiro lugar porque para nós é moi importante o investimento que facemos na compra de libros do mes de maio, con case 11.500€ que é unha cantidade moi elevada. Facémolo de maneira equitativa entre as 17 librarías de Pontevedra, que participan neste proxecto e que tamén nos botan unha man na selección. Unha selección na que hai libros editados este ano co gallo das Letras Galegas e libros editados anteriormente e que teñen que ver co tema das letras do ano, como por exemplo ‘Antífona da Cantiga’ de Ramón Cabanillas ou ‘Fuliada na Vila’. 

Amais destes dous tipos de libros este ano engadimos unha iniciativa moi especial, un proxecto persoal dun pai que non atopaba este tipo de material en galego para a súa filla e empezou a facer estas sopas de letras para ela, que subía a unha web e que finalmente publicou. Pareceunos un proxecto moi interesante. Con todo isto facemos lotes diferenciados por idades, destinados a centos de EEI, CEIPS, IES, un lote diferente para a rapazada do Ben Veñas, Maio e tamén faremos un reparto aos centros sociais, que terá lugar o vindeiro día 3 nun encontro coas entidades para celebrar o ‘Maio, mes da lingua’. De todas as iniciativas que levamos a cabo ao longo do mes das letras esta é a que máis perdura no tempo, xa que creamos un fondo que levamos fornecendo 20 anos tanto nos centros escolares como nos centros sociais”. 

O edil agradeceu a asistencia ás libreiras, “unha pequena representación, xa que de maior parte das librarías colaboradoras nun puideron achegarse hoxe porque teñen moito traballo”. Pola súa parte, as asistentes, agradeceron en nome de todos os establecementos “esta iniciativa que leva a cabo o Concello durante todo o mes de maio, estendendo a celebración do Día das Letras Galegas” e reclaman “máis traducións en galego, que cheguen ao mesmo tempo que a edición en castelán. Hai que salientar a calidade do álbum ilustrado en galego e tamén a mellora á hora de atender as inquedanzas do público xuvenil, que é quen polas modas, abandona ás veces o uso do galego”. 

En total son preto de 800 volumes de 13 títulos diferentes os mercados nos 16 establecementos dedicados á venda de libros da cidade: Aviones de papel, Libraría Baroja, Clip, Cronopios, D-Lectum, Depapeis, Escolma, Espazo Lecto Nobel, Metáfora, El Naranjo, A Nube de papel, Paz, El Pueblo, Sant –Yago, Seijas e Tinteiro. Tamén forma parte da iniciativa Mialma Produciois. Estes exemplares tiveron e terán como destinatarios 3 centros de educación infantil, 26 de primaria, 20 de secundaria, e 33 asociacións e centros socias. Algúns libros foron empregados como agasallos no certame ‘Ben veñas, maio’ e outros terán como destino o propio servizo de Normalización Lingüística do Concello. 

‘Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025’ (Carlos Taboada), ‘Galegas na música’ (Isabel Blanco Franco), ‘Sei cantar e sei bailar ‘(Eva Mejuto e Lucía Cobo), "A avoa canta como a cotovía (Celia Díaz Núñez), ‘Canta, miña compañeira. O legado das cantareiras’ (María Lado), ‘Ferreñas e Rock and Roll. Anecdotario sobre músicas galegas’ (Laura Romero e Iria Pedreira), ‘Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega’ (Carlos Callón), ‘As vellas de Mens’ (J.M. Fernández Pensado), ‘Antífona da Cantiga’ (Ramón Cabanillas), ‘Dinguirindiña’ (Ro Ledesma e Caldo), ‘Fuliada na vila’(Richi Casás), ‘Pandeireteiras de Mens’ (Beatriz Busto), ‘Os camiños de Dorothé’ (Sonsoles Penadique e Virxilio da Silva) foron os títulos escollidos este ano, tendo en conta a homenaxe ás cantareiras, pandereireteiras e a poesía tradicional oral no Día das Letras Galegas 2025.

O Concello de Pontevedra inviste case 11.500€ en librarías locais para distribuír 800 exemplares en galego entre asociacións e centros de ensino