O Concello de Pontevedra inicia o porta a porta comercial implementando a recollida das fraccións de vidro e de cartón
Pontevedra, 20 de maio de 2026. O Concello de Pontevedra vén de iniciar as visitas aos comercios e locais de hostalaría do centro histórico para a entrega de información e da nova contenerización para poñer en marcha a recollida "porta a porta" das cinco fraccións de residuos.
O persoal de Prezero, empresa concesionaria da xestión de residuos está a explicar local a local como funcionará a nova recollida e xa empezou a distribuír o colector verde, destinado ao vidro, para aqueles establecementos que o reclamen para os seus locais. Ademais, tamén informa de como se fará a recollida a granel da fracción de papel e cartón. Froito deste adianto, dende hoxe mesmo xa comeza a recollida efectiva destas dúas fraccións concretas entre os establecementos que foron visitados dende principios desta semana.
Este novo modelo busca ofrecer un "traxe a medida" ás e aos profesionais, adaptando os recipientes ao volume e ao tipo de residuos que xera cada actividade económica. O obxectivo final do goberno local, ademais de axudar aos negocios a cumprir coa obriga legal de separar o lixo, é poder eliminar progresivamente os contedores públicos das rúas. Deste xeito, mentres os comercios terán a súa recollida na porta, a veciñanza pasará a utilizar unhas illas emerxentes instaladas só por horas, liberando o espazo público e mellorando a imaxe do patrimonio.