A IDEA É QUE ALBERGUE O EDIFICIO DE EMERXENCIAS MUNICIPAL
O Concello de Pontevedra formaliza e finaliza a adquisición da parcela coñecida como a antiga finca de Fenosa
Pontevedra, 12 de maio de 2025. O Concello de Pontevedra formalizou a compra da coñecida como parcela de Fenosa, situada na rúa do Campo Santo 3 por un importe de 1.200.000 euros. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da tenente de alcalde, Eva Vilaverde, e o secretario do Concello de Pontevedra, asinaron perante notario os documentos pertinentes para finalizar o proceso de adquisición.
O terreo foi vendido por General de Edificios y Solares, S.L e conta cunha superficie de 16.111 metros cadrados segundo o rexistro, e de 17.534 segundo a medición real. Nesta superficie elévanse até tres edificios distintos cuxo aproveitamento dependerá dos estudos pertinentes que se realicen a partir de este momento. Estas construcións ocupan 6.168 metros cadrados construídos.
Cómpre sinalar que a compra deste terreo “é unha prioridade para o Goberno Local”, e así foi tratado ao longo dos últimos meses, tempo que no que se xestou a idea da súa adquisición, e posterior aprobación en pleno.
Situada a carón do cemiterio de San Amaro, a parcela previsiblemente será o espazo que acolla o edificio de emerxencias onde se situarán as novas dependencias da Policía Local de Pontevedra. O alcalde indicou que se tentarán axilizar os procesos o máximo posíbel, procedéndose canto antes coa tramitación para os estudos e o plan de uso deste ben municipal.