Comezan as reunións informativas sobre a mobilidade no Multisport

Xuntanza hostaleiros mobilidade Multisport
Xuntanza hostaleiros mobilidade Multisport
Comezan as reunións informativas sobre a mobilidade no Multisport
Pontevedra, 12 de maio de 2025. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, iniciou unha xeira de reunións con distintos colectivos urbanos para falar do impacto que terá na súa mobilidade o Multisport, que afectará a varias zonas da cidade de xeito variable ao longo dos 10 últimos días do mes de xuño. Neste luns, a edil conversou cun grupo de hostaleiros e hostaleiras, un dos servizos máis demandados durante este evento e a súa programación paralela, así como un colectivo que pode verse afectado polas limitacións. 

A idea máis importante que trasladarán ás persoas que poden verse afectadas é que as carreiras inclúen deseños pensados para causar o mínimo impacto posible na vida da veciñanza, pero un mínimo de molestias é consustancial a este tipo de eventos que utilizan o espazo público para o seu desenvolvemento. 

Os operativos de mobilidade deseñados pola Policía Local inclúen recomendacións globais para cada día do evento e outras específicas para 15 zonas determinadas da cidade. As habituais dos arredores do CGTD, Centro Histórico, Bos Aires, Cruz Vermella, Santa Clara, pontes dos Tirantes e Santiago, aos que nesta ocasión se unen os arredores do Pontillón do Castro e a última fin de semana o eixo viario entre Barro e Estribela. 

A campaña informativa continuará nas próximas semanas coa publicación das recomendacións concretas a través das distintas plataformas de difusión, de tal xeito que as “instrucións de uso” da cidade eses días cheguen ao maior número posible de persoas, minimizando as consecuencias negativas que puideran ocasionarse. 

“Augas de lenda” de Pablo Méndez na inauguración do Multisport

Trátase dun espectáculo creado específicamente para este evento, un show único, adaptado ao espazo da praza do concello, cos seus fluxos de xente e os espazos escénicos destas inauguracións, apoiado nun enorme guindastre e con todos os efectos musicais e audiovisuais necesarios para unha expresión sorprendente e suxestiva. “Todo é novo: as e os artistas, o atrezzo, a música, o argumento... creado expresamente para o Multisport”. 

En palabras da compañía creativa de Pablo Méndez, “No corazón de Pontevedra, a auga convértese en memoria, en danza e en lenda viva. Este espectáculo de Pablo Mèndez Performances transforma a cidade nun escenario líquido, onde o mar non é só paisaxe, senón tamén alma”. 

Inspirado nas tradicións galegas e na forza simbólica da auga, o espectáculo fusiona fantasía, acrobacia e danza nun ritual escénico hipnótico. Artistas do Cirque du Soleil, bailaríns etéreos e criaturas de lenda xorden do océano escénico para contar unha historia que non precisa palabras: a do vínculo ancestral entre Pontevedra e o mar. 

A auga flúe como fío condutor, presente no vestiario, no atrezo, nas coreografías e nos elementos escenográficos característicos da compañía. Cada escena é unha onda que rebenta en emocións: dende a calma serena das mareas ata a tempestade do imposible. Un espectáculo envolvente que mergulla ao espectador nun universo onde todo é posible e todo nace da auga. 

"Augas de Lenda" é unha homenaxe á cidade, ao mar que a modela e á capacidade da arte para transformar o espazo nun soño compartido. Unha celebración poética e acrobática da auga como orixe, camiño e destino. 

Comezan as reunións informativas sobre a mobilidade no Multisport