O Concello de Pontevedra esixe a paralización da reforma da Lei do Aborto
Pontevedra, 3 de marzo de 2015. O Concello de Pontevedra ven de aprobar unha moción do BNG na que se esixe ao goberno español a paralización da reforma da Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo e manter o dereito a abortar libremente sen precisar consentimento algún ás mozas que así o decidan, así como traballar nas políticas necesarias para eliminar a fenda salarial e a discriminación laboral que sofren as mulleres.
Na exposición de motivos da moción, defendida pola nosa compañeira Carme Fouces, afírmase:
"Levamos celebrando o 8 de marzo desde 1911, e foron as mobilizacións feitas ao redor desta data as que obrigaron ao poder político a mudar algunhas cuestións de xénero. Comezouse pedindo o dereito ao voto e a ocupar cargos públicos. Demandábase tamén o dereito ao traballo remunerado, ao fin da discriminación laboral e ao ensino. Precisamente, foi o 8 de Marzo de 1910 cando a Gaceta de Madrid publicaba a Orde Ministerial que permitía, por primeira vez a matriculación das mulleres na universidades sen o permiso expreso do Consello de Ministros.
A loita é longa e dura, e ás primeiras reivindicación obreiras, foron incorporando pouco a pouco outras como a emancipación feminina no ámbito sexual, do matrimonio, da igrexa e como non, do capital.
Foron gañándose batallas e conquistáronse dereitos básicos, pero debemos permanecer sempre alerta dispostas a defendelos porque hai unha tendencia perversa a retroceder e desandar o camiño. Como acontece hoxe co dereito ao aborto libre, que despois de ter alcanzado un marco legal que garantía unha maternidade planificada por nós mesmas, tentaron chapodalo. A resposta foi tan contundente que o goberno do PP recuou, arrasando ao propio ministro e deixando en evidencia aos representantes do PP que o apoiaron nos parlamentos, corporacións locais .
A loita continúa, e a caverna ultra-católica que habita no PP pide un sacrificio, e como non, os dereitos das mulleres volven ser moeda de cambio, esta vez as mulleres máis novas.
As mozas desde a partir dos 13 anos poden casar, ter relacións sexuais, someterse a ciruxías estéticas agresivas e irrevesíbeis, tomar a pílula post-coital ou traballar. Todo iso libremente e sen consentimento de ninguén, pero non poden interromper un embarazo involuntario. Poden decidir ser nais pero non poden decidir non selo. Son seus titores legais os que toman a decisión por elas, sen ter en conta se representan unha ameza para a vida desas mulleres. Porque as familias que non protexen as súas fillas existen, e as leis son as que deben protexelas, precisamente desas familias. A inmensa maioría das mozas que deciden abortar contan cos seus pais e, sobre todo, cas súas nais para facelo e, por sorte, a inmensa maioría das familias apoian a decisión, incluso as católicas de misa diaria. Son casos extremos onde as mulleres máis novas rexeitan á familia e deciden afrontalo soas.
Que vai ser delas? Pois acudirán á clandestinidade poñendo en perigo a súa vida e vivindo unha experiencia traumática inesquecible.
Unha boa educación nas aulas é o mellor anticonceptivo, no sitio dos crucifixos e rezos que volven a colonizar as escolas.
Debemos estar xuntas nesta reivindicación, por xustiza e por compromiso cas mozas que non poden pagar as débedas que certos dirixentes políticos teñen ca igrexa católica. Temos que defendelas, se cabe con máis contundencia que até agora.
As mulleres temos que traballar 80 días máis para percibir o mesmo salario e a fenda salarial vaise ensanchado desde o 2008. Introdúcese no PIB a prostitución pero non o traballo doméstico. Todo isto está pasando sen o noso permiso, están quitándonos o noso traballo, a nosa liberdade e os dereitos conquistados.
Estamos dispostas a dar permiso para que aconteza outro retroceso?
Hoxe hai unha nova oportunidade para non permitilo."