O Concello de Pontevedra elabora unha completa programación polo Ano Castelao da man de máis de 15 entidades locais
Pontevedra, 15 de maio de 2025. O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou, acompañado dunha ampla representación de entidades e empresas locais implicadas no proxecto, a imaxe e a programación cultural do Ano Castelao do Concello.
As actividades, que botaron o mércores 14 cos relatorios organizados por Maiolongo e Vía Galega no Café Moderno, estarán concentradas principalmente nos meses de maio e xuño, máis extenderanse ata comezos de 2026.
“Hai uns meses o Concello fixo un chamamento á veciñanza de Pontevedra para celebrarmos entre todas e todos o ano Castelao. Esta cidade sorprende sempre e a recepción foi excelente, a colaboración foi impresionant. É precisamente a veciñanza de Pontevedra, o movemento asociativo desta cidade, o protagonista das actividades do Ano Castelao. Temos colaborando aMaiolongo, Vía Galega, O Mirador, PoloCorreo do Vento, Cedofeita, Salcedo Norte, Casa Verde, Os de Algures, Sete Espadelas, Ateneo, Migallas, AS-PG, SAGA, a Polifónica, Rei Zentolo, e a persoas como Montse Fajardo.
O programa pecharase o 7 de xaneiro do 2026 cun acto institucional no aniversario de Castelao. Quixemos estendelo ata ese día porque celebrar o cabodano de Castelao está ben, o seu pensamento, a Galiza que el soñaba, témola como faro, pero parecíanos moito máis interesante celebrar o seu nacemento”, salientaba o edil logo de agradecer a presenza a todas as implicadas e implicados.
A continuación debullou a programación que “non buscaba tanto facer unha programación distinta, como incluír a Castelao nas nosas programacións". Haberá actividades de moi diferente cort, desde conferencias que reflexionan sobre o pensamento de Castelao e a súa pegada, a actividades deseñadas para a mocidade e a infancia con Migallas e Polo Correo, que estarán en Mourente, Monte Porreiro, Salcedo, etc. Dentro do programa de Ponteverán, haberá unha proposta da SAGA na parroquia de Salcedo.
A programación inclúe roteiros con Cedofeita, Salcedo Norte e a actualización do roteiro Castelao do Concello. Unha programación variada para "achegar o pensamento de Castelao á veciñanza e protagonizada pola propia veciñanza de Pontevedra”, afirmaba Demetrio Gómez.
O edil cedeu a palabra a Pablo, de Rei Zentolo, empresa pontevedresa a que se lle encargou a imaxe deste proxecto que manifestou estar “encantados de colaborar con Concello, de ser profetas na nosa terra. Cando se trata de Castelao é un encargo motivador pero moi complicado porque de Castelao hai moitas cousas feitas e é complicado facer algo novo. A primeira idea era facer algo icónico, que servira como imaxe de marca pero tiramos pola versión actualizada, como no seu día fixemos de Rosalía, dándolle un punto máis rock&roll que popeiro, máis reivindicativo con chupa de coiro e os emblemas que leva prendidos, inspirados na faceta menos coñecida de Castelao e quitándolle o peso da garabata, a america, etc. Agardo que guste e dea moito xogo”.