O Concello de Pontevedra conmemora o Día Internacional do Pobo Xitano reclamando igualdade real e o fin da discriminación laboral
Pontevedra, 8 de abril de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado doutros membros da corporación municipal, participou no acto de despregamento da bandeira xitana no balcón da Casa da Luz co gallo do Día Internacional do Pobo Xitano. O acto, que tamén contou coa presenza de distintos representantes da Fundación Secretariado Xitano, serviu de altofalante para esixir a igualdade de oportunidades e visibilizar o antixitanismo que aínda persiste en diversos ámbitos da sociedade.
Rebeca Flórez, mediadora intercultural da Fundación Secretariado Xitano, foi a encargada de pór voz ás demandas do colectivo, subliñando a necesidade de que se lles garantan "os mesmos dereitos" tras ser historicamente un pobo "perseguido e marxinado". "Queremos reivindicar que ao final queremos as mesmas cousas que pode querer calquera outra persoa: traballo, dignidade e dereito á educación", sinalou Flórez, esixindo o seu lugar como "cidadáns de pleno dereito”.
A mediadora fixo especial fincapé na barreira que supón o antixitanismo no eido laboral. Segundo denunciou, o simple feito de ter apelidos como Jiménez ou Montoya xera un "rexeitamento" inmediato á hora de buscar emprego, privando ás persoas da oportunidade de darse a coñecer nas entrevistas de traballo. Flórez tamén lembrou incidentes recentes e graves de discriminación noutras zonas do Estado, como o rexeitamento sufrido en tanatorios de Madrid, unha situación que, aínda que aclarou que non se dá a nivel local, cualificou de "cruel" e de atentado contra os dereitos humanos.
Pola súa banda, o alcalde manifestou o "orgullo" da cidade por lucir a bandeira do pobo xitano nun edificio do Concello, unha acción na que Pontevedra é "pioneira a nivel de Estado" desde o ano 2017. O rexedor destacou o traballo conxunto que levan realizando coa Fundación Secretariado Xitano desde a súa implantación na cidade no ano 2001, unha relación materializada a través de convenios anuais enfocados principalmente na formación.
Fernández Lores puxo en valor os resultados positivos desta colaboración, sinalando que "cada vez máis nenos e nenas están asistindo ao ensino, ao bacharelato e tamén á universidade". Non obstante, coincidiu coa Fundación en que a "clave da integración" para lograr a plenitude de dereitos reside en garantir o acceso a un posto de traballo.
"Nós apostamos en Pontevedra por unha sociedade máis xusta, máis solidaria, máis diversa e onde todo o mundo teña igualdade de oportunidades", concluíu o alcalde, confirmando o compromiso do Goberno Local de manter esta estreita colaboración no futuro.