O Concello de Pontevedra aproba a solicitude do Plan Concertado de Benestar Social e denuncia que a Xunta afoga ás administracións locais co financiamento da dependencia
Pontevedra, 1 de abril de 2026. A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, informoudos asuntos tratados na Xunta de Goberno, na que foi aprobada a solicitude á Xunta de Galiza do Plan Concertado de Benestar Social. A contía total solicitada para estes servizos ascende a 5.817.635,18 euros, dos cales o Concello de Pontevedra asume con fondos propios 2.490.870,24 euros.
O Plan Concertado é a ferramenta que artella os servizos sociais comunitarios e inclúe programas como o de educación familiar ou o mantemento de escolas infantís, aínda que se centra fundamentalmente no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que conta cun programa básico para situacións urxentes e o programa clásico de axudas á dependencia. Neste contexto, a concelleira cualificou de "aberración" que a Xunta de Galicia force aos concellos a soster de xeito directo e indirecto as axudas á dependencia, asumindo os municipios unha carga económica desproporcionada. Gulías lembrou que, segundo a lexislación de 2006, o 100 % do financiamento destas axudas debería corresponder á Administración estatal e á autonómica.
O Goberno local cualifica o actual modelo de financiamento de "insuficiente" e "insostíbel" no tempo. Aínda que a Xunta incrementou a súa achega de 12 a 16 euros por hora de axuda no fogar, o custo real das novas licitacións sitúase nunha media de 24 euros, o que obriga ao Concello a poñer os 8 euros restantes. Tendo en conta que o municipio conta cun contrato de aproximadamente 200.000 horas, isto suporá un sobrecusto de 1.600.000 euros para as arcas municipais de cara á nova licitación de 2027, retraendo fondos que poderían destinarse a outras competencias propias do concello.
A fenda financeira tamén se reflicte nos custos de persoal adscrito a este plan: o Concello de Pontevedra asume 879.000 euros fronte aos escasos 166.000 euros que achega a Xunta. Ademais, a burocracia e os continuos cambios na xestión fan que as traballadoras sociais municipais teñan que dedicar a maior parte da súa xornada laboral a tramitar estas axudas no canto de atender outras cuestións de competencia municipal. Para a concelleira, esta situación está a asfixiar economicamente a moitos municipios da contorna que padecen un forte envellecemento poboacional.
Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén a prórroga do Plan de Educación Familiar (PEF), que está financiado integramente polo Concello con 105.000 euros anuais.