O Concello de pontevedra aproba máis de 5,1 millóns de euros en licitacións para obras, mantemento urbano e dixitalización municipal

Eva Vilaverde
Eva Vilaverde
O Concello de pontevedra aproba máis de 5,1 millóns de euros en licitacións para obras, mantemento urbano e dixitalización municipal

Pontevedra, 11 de xuño de 2026. A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, informou esta mañá tras a celebración da Xunta de Goberno da aprobación dun paquete de cinco licitacións que suman un montante de 5.151.039,47 euros. Agradeceu o esforzo dos técnicos municipais, do funcionariado e dos concelleiros, destacando que estes expedientes "demostran que este Concello traballa a moi bo ritmo e que cada día se fai un esforzo por mellorar a calidade da prestación dos servizos municipais". Vilaverde subliñou que estes investimentos "supoñen unha mellora substancial na prestación dos servizos á cidadanía, que é para o que estamos aquí".

As aprobacións debulladas estrutúranse en dous grandes bloques: obras e mantemento, e dixitalización dos servizos. As primeiras son:

  • Pequenas obras de mantemento no viario urbano e espazos públicos: cunha partida de 2.700.000,00 euros, este contrato terá unha duración de 3 anos (con posibilidade de dúas prórrogas anuais). O obxectivo é garantir o bo estado e a seguridade dos espazos e da infraestrutura viaria da zona urbana, sobre todo de uso peonil, resolvendo incidencias a través de ordes de traballo de menos de 40.000 euros por actuación. A empresa adxudicataria deberá usar ferramentas SIX para xeolocalizar os traballos e as incidencias en tempo real.
  • Mantemento integral dos centros escolares e escolas infantís: licitado por 1.493.323,18 euros para un prazo de 3 anos. Abarcará tanto o interior como o exterior dos recintos educativos, patios e instalacións técnicas. Eva Vilaverde fixo especial fincapé nesta medida, que incrementa o orzamento en case un 145 %, sinalando que "é a aposta pola educación pública". O servizo divídese en tres lotes territoriais:

-  Lote 1 (Zona Norte): EEI Fina Casalderrey, CEIP Marcos da Portela, CEIP Parada Campañó, CEIP Santo André de Xeve, EEI de Verducido, CEIP San Bieito de Lérez e Gardería infantil de Monte Porreiro.

-  Lote 2 (Zona Centro): CEIP Froebel, CEP Manuel Vidal Portela, CEIP A Xunqueira I, CEIP Xunqueira II, CEIP Álvarez Limeses, CEP Campolongo, CEI Concepción Crespo Rivas e CEIP Barcelos.

-  Lote 3 (Zona Sur): CEIP San Martiño de Salcedo, CEIP Cabanas-Salcedo, CEIP A Carballeira-Lourizán, CEIP de Ponte Sampaio, CEIP Vilaverde-Mourente, CEIP de Marcón e Gardería Infantil A Parda.

  • Melloras da rede de abastecemento en Casaldorado (Lérez): aprobouse a súa contratación por 369.360,61 euros e un prazo de execución de 4 meses. A obra suporá a substitución de 1.552,89 metros de tubaxes en seis tramos e a renovación de 32 acometidas a vivendas, finalizando cunha reposición integral do firme na zona afectada.

Licitación para a dixitalización e innovación tecnolóxica:

  • Sistema de virtualización municipal: Licitado por un orzamento de 440.000,00 euros, inclúe a subministración e instalación de 5 servidores de última xeración e unha gran cabina de almacenamento de polo menos 80 Terabytes para copias de seguridade. O proxecto destaca pola creación dun centro de datos secundario ou "Plan B" para "garantir que a informática municipal non pare nunca" no caso de fallo no sistema principal e dispoñer dunha "blindaxe especial" contra os ciberataques mediante copias de seguridade que non se poderán alterar nin borrar, segundo explicou a alcaldesa en funcións.
  • Realización dun Mobile Mapping sobre o viario municipal: cunha contía de 148.355,68 euros e un prazo de execución de 6 meses, o proxecto realizará un levantamento cartográfico 3D ao longo de 800 quilómetros (300 km en zona urbana e 500 km no rural). Empregará un vehículo con láser LIDAR e cámaras de 360o. Este traballo posibilitará a creación dun "Visor Cidadán" público para os veciños e veciñas, mentres que a nivel interno permitirá aos técnicos municipais xerar nubes de puntos 3D a través de intelixencia artificial usando unicamente vídeos de teléfonos móbiles para, por exemplo, documentar tubaxes subterráneas.
O Concello de pontevedra aproba máis de 5,1 millóns de euros en licitacións para obras, mantemento urbano e dixitalización municipal