O PROXECTO TIVO UN INVESTIMENTO DE 158.000 EUROS.
O Concello de Pontevedra abre a nova senda entre a Xunqueira da Gándara e o parque da Tomba
Pontevedra, 30 de xuño de 2026. Pontevedra suma unha nova alternativa para gozar do seu patrimonio natural coa finalización da senda que conecta a Xunqueira da Gándara co parque forestal da Tomba. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, percorreu esta mañá o novo trazado de 1,8 quilómetros acompañado da concelleira responsable do rural, María Xosé Abilleira, e a responsable de Turismo, Anabel Gulías.
O rexedor destacou que a creación deste camiño "forma parte dun proxecto máis ambicioso que é poñer en valor todo o territorio periurbano de Pontevedra". Con esta actuación enlázase a zona da Xunqueira da Gándara, un Espazo Natural de Interese Local (ENIL) cuxos terreos o goberno local busca recuperar plenamente para a veciñanza, co parque da Tomba, na parroquia de Campañó. Este último espazo forestal conta con 80 hectáreas que foron acondicionadas durante o mandato pasado en colaboración coa comunidade de montes para o uso de toda a cidadanía.
Fernández Lores explicou que esta nova vía permite que a xente "poida saír da cidade, estar na xunqueira e logo pasar ata o parque da Tomba, que ten unhas vistas marabillosas sobre Pontevedra". Segundo valorou, a senda constitúe "unha alternativa máis para facer deporte e gozar do patrimonio natural que temos ao lado da cidade".
A obra civil desenvolveuse de maneira rápida nun prazo de dous meses e a empresa adxudicataria ultima pequenos detalles como o remate da colocación da sinalización, que conta con preto de quince paneis indicadores para guiar aos usuarios ata as vistas do parque natural.