O BNG reclama á Deputación que aumente as súas achegas aos concellos para políticas de Igualdade tras anos conxeladas

María Ortega
María Ortega
O BNG reclama á Deputación que aumente as súas achegas aos concellos para políticas de Igualdade tras anos conxeladas

Pontevedra, 1 de xullo de 2026. O BNG vén de reclamar á Deputación nas últimas comisións informativas un incremento das achegas destinadas aos concellos para desenvolver actividades de Igualdade logo de permanecer conxeladas durante todo o mandato e sen actualizarse desde hai once anos. A deputada provincial María Ortega trasladou ao goberno do PP a necesidade de revisar unha convocatoria que considera "absolutamente desfasada" e lamentou que, mentres outras áreas da Deputación están a experimentar incrementos moi importantes nas súas partidas económicas, as políticas de igualdade continúan quedando relegadas e sen reforzo orzamentario.

Ortega denuncia que os 6.000 euros máximos que reciben os municipios de menos de 20.000 habitantes son "totalmente insuficientes" para facer fronte ao custo actual das actividades e programas de igualdade, tanto de atención ás vítimas de violencia machista, iniciativas dirixidas a mulleres en situación de vulnerabilidade —incluíndo actuacións de inserción laboral— como campañas de difusión e sensibilización.

A nacionalista subliña que o custe deste tipo de iniciativas incrementouse de maneira moi significativa desde a última revisión das bases. "Actividades que no ano 2015 custaban aos concellos arredor de 7.000 euros, hoxe superan os 16.000. En moitos casos xa se fan inasumibles para os municipios porque as subvencións non alcanzan nin sequera un terzo do custo real", advirte a nacionalista.

A deputada subliña que resulta incomprensible que a Deputación continúe mantendo importes tan escasos once anos despois (incluso tamén os destinados a entidades sen ánimo de lucro), non só ante o forte incremento dos prezos, senón tamén ante a crecente demanda do número de programas de sensibilización, formación e prevención da violencia machista. 

Por este motivo, o BNG insta ao goberno provincial a aproveitar a revisión das convocatorias para ampliar de maneira significativa as achegas municipais e adaptalas á realidade económica actual. "Se noutras áreas hai marxe para incrementar recursos, tamén debe habela para reforzar unhas políticas tan necesarias como as de igualdade", defendeu Ortega.

A formación nacionalista enmarca esta reclamación na perda de peso que, ao seu xuízo, sufriron as políticas de igualdade desde a chegada do PP ao goberno da Deputación. O BNG lembra que leva advertindo durante todo o mandato da redución do esforzo orzamentario nesta materia. Mentres no último exercicio do anterior goberno progresista, en 2023, a área de Igualdade contaba con 2,1 millóns de euros —o 1,17 % do orzamento provincial—, no exercicio 2026 a contía reduciuse ata os 1,8 millóns de euros, apenas o 0,75 % do orzamento total.

O BNG reclama á Deputación que aumente as súas achegas aos concellos para políticas de Igualdade tras anos conxeladas