O Concello dá os primeiros pasos na batalla legal contra a prórroga de ENCE
O Goberno local de Pontevedra dá o primeiro paso cara a contestación legal contra a prórroga de 60 anos a Ence ao cursar un requirimento previo de anulación ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que ten un mes por diante para lle dar resposta a demanda do Concello. Un non ou o silencio abrirá un período de dous meses para a presentación dun recurso contencioso administrativo diante da Audiencia Nacional contra a decisión ministerial de ampliar seis décadas máis a concesión en dominio público marítimo-terrestre.
A Xunta de Goberno local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou o requirimento previo de anulación contra a resolución co 20 de xaneiro do 2016 da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar da prórroga outorgada a Ence Energía e Celulosa SA da concesión para a ocupación de 373.524 metros cadrados slta na Marisma de Lourizán .
O Concello alega até catorce argumentos legais contra a concesión dunha prórroga que da satisfacción aos intereses dunha empresa privada por riba dos intereses xerais da poboación.
Na resolución ministerial hai defectos de procedemento determinantes de nulidade ou anulabilidade por indefensión como o feito de que a denegación da copia do expedientes con petición de ampliación do prazo de alegacións solicitada polo Concello ao abeiro do procedemento de prórroga ten a mesma data que a concesión da ampliación.
Ademais a concesión da prórroga a Ence faina un Goberno en funcións que excede os trámites ordinarios o que vulnera a Lei 50/1997, do 27 de novembro que regula as actuacións dun Goberno que ten que limitarse a garantir o traspaso de poderes e limitar a súa xestión ao despacho ordinario de asuntos públicos absténdose de adoptar, salvo casos de urxencia acreditados o por razóns de interese xeral, outras medidas. Estamos, mantén o Goberno Local, ante unha medida extraordinaria e selectiva e polo tanto contraria a legalidade.
Por outra banda a prórroga atentaría contra a doutrina do Tribunal Constitucional que recolle respecto a actual Lei de Costas que a prórroga recollida na nova regulación: tan só pode afectar a actividades e instalacións que, por súa natureza, non poidan ter outra ubicación , unha excepcionalidade que non se da neste caso, mantén o Concello.
O requirimento previo de anulación da prórroga de Ence remitido ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente reitera as alegacións formuladas no expediente de caducidade en tramitación: incumprimento das condicións da concesión prorrogada, cuxa non o observancia se sanciona coa caducidade do título concesional; acreditación do desenvolvemento, no perímetro da concesión de actividades diferentes ao obxecto da mesma; alteración do título concesional; ausencia de acordo aprobatorio do título concesional e vulneración das DOT (Directrices de Ordenación do Territorio ) e POL (Plan de ordenación do litoral).